A alma da cidade

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

XOAN A. SOLER

Muñico era o meu provedor de confianza cando queriamos celebrar algo e sempre me asesoraba con el

13 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os xornalistas e os escritores referímonos con frecuencia á alma, ao espírito, ao estado de ánimo da cidade. Dotámola de características humanas como un recurso narrativo, un pequeno truco máis ou menos afortunado. Pero en días coma onte as metáforas pasan a ser titulares.

Entereime moi cedo da morte do carniceiro Antonio Costa, máis coñecido como Muñico polo nome do seu posto na praza de abastos de Santiago. Non tardou en aparecer a rumoroloxía coma unha corrente baixo as novas dos medios. Impactoume: Muñico era o meu provedor de confianza cando queriamos celebrar algo e sempre me asesoraba con el. Gustábame a paixón coa que vendía o produto.

Para a miña sorpresa, cando fun para o traballo —atraveso camiñando as dúas cidades, a vella e a nova— percibíase algo no ambiente. Notábao en todo o mundo: os comerciantes e as dependentas que entraban nos establecementos para preparalos para a apertura, nas dúas persoas que piden na rúa coas que me cruzo a diario. Case nunca tratei con moitos deles, pero onte á mañá parei con varias persoas a comentar o caso.

Nas Administracións, os conserxes estaban inusualmente serios, e tamén nas cafetarías. Polo medio dun día frío e luminoso de outono rondaba unha sombra negra consternada. Así que si, pensei, o espírito da cidade existe. Sacodes forte a unha cidade e aínda aparece: creo que esa alma vive cando todos compartimos unha memoria ou experiencia. Mágoa que tivera que descubrilo cunha triste morte ao amencer, as mortes máis tristes de todas.