De estar só, poñeríame en crequenas e dedicaríame a buscar fadas
Philip Hoaré
Todo aquilo que sendo está, permanece ou desaparece, xa tiña existencia antes de que nós o renomeásemos a pretensión de recrealo e reducilo para someter a súa resistencia a nos pertencer. Devecemos pola taxidermia, polo estabelecemento de estremas (son os homes os que senten horror perante o baleiro; o anonimato xera incerteza). Mesmo desexamos esportelar a laca e o verniz dos sentimentos invisíbeis: a súa ingravidez é vítima da nosa ansiedade por enfurnalos e soterralos, tal é o arrepío a que esvaezan. Porén, desa saña coa que conformamos o noso universo íntimo, social, cativo, zafan algunhas ideas, imaxes... que son Extra Ordinarias. Aquelas ás ás que nin sequera somos quen de nos achegar nin por roce. A estulticia é un privilexio do home, a eiva de habelencia como especie.
A ala do paxaro de Durero é dun rolieiro, gaio azul, unha mestura entre gralla e pega marzal. Esa extremidade excepcional, despregada, desencartada, desesperou moitos dos poucos que a puideron contemplar. O seu azul divino, narcótico, resultoulles irreprodutíbel e innomeábel. Só podería ser reproducido mollando o pincel no mesmísimo ceo. Cor rotunda e singular, rememora que os gregos non tiñan nome para esa cor, e falaban do mar «cor de viño».
O que non ten nome non existe, pero os paxaros chegaron antes que os anxos, e estes confirmaron a súa beleza.