Rodrigo Romaní: «Non deixa de ser sorprendente que che recoñezan por facer aquilo que che gusta»
BARBANZA
O arpista foi o elixido este ano para recibir o Premio Barbantia da Cultura Galega
16 dic 2024 . Actualizado a las 18:22 h.Hai dous anos que Rodrigo Romaní (Noia, 1957) decidiu que chegara o momento de descansar e xubilarse, tanto profesionalmente como dos escenarios, aínda que «sigo tocando na intimidade da miña casa», confesa, ao mesmo tempo que especifica que, dependendo do día, escolle un determinado instrumento, desde a guitarra, o bouzouki, a ocarina, pero sobre todo a arpa, pola que sente especial predilección. Explica que é a que máis posibilidades de expresión ten, «e coa que me encontrei máis cómodo toda a miña vida», por iso non é de estrañar que desde hai anos dirixa o festival internacional Noia Harp Fest que cada verán se celebra nesta vila.
Fundador do grupo Milladoiro e da orquestra de folk Sondeseu, profesor no Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, compositor e produtor, Romaní atesoura unha gran carreira profesional pola que mañá será homenaxeado co Premio Barbantia da Cultura Galega 2024, un galardón que valora moito, sobre todo «porque é un recoñecemento de proximidade, por chamalo así, de xente que coñeces e decide premiarte. É un sentimento de satisfacción, pero sobre todo de agradecemento porque non deixa de ser sorprendente que che recoñezan por facer aquilo que che gusta; por iso é un privilexio».
Aínda que ao longo da súa extensa traxectoria o músico noiés ten acadado multitude de distincións das que está moi agradecido, considera que todo hai que valoralo na súa xusta medida. Recoñece que el nunca foi unha persoa que estivo pendente de conseguir un ou outro premio, porque considera que esta espera ao final «entorpece a túa labor», xa que opina que si un fixa a súa meta nos galardóns, é tempo que perde en concentrarse en facer o seu traballo.
Aínda que xa hai tempo que non se sube aos escenarios, Rodrigo Romaní ten entre mans un proxecto que cualifica de especialmente bonito e gratificante, sobre todo porque vai dirixido a un público moi especial. El e outros músicos de toda Galicia que forman parte da Asociación Noia Harp Fest decidiron aliarse coa Obra Social de Pediatría do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) para poñer en marcha o programa Boas Vibras, arpistas pola saúde, co que se quere aproveitar o poder terapéutico da música que sae deste instrumento para intentar axudar a mellorar aos nenos que están hospitalizados no CHUS.
Música terapéutica
A experiencia piloto comezou no mes abril, e cada semana fan unha sesión individual, «porque hai diversas organizacións internacionais que sosteñen que a arpa é particularmente beneficiosa como terapia», apunta Romaní, que explica que unhas das principais particularidades deste instrumento é que ao tocar unha corda, vibran todas, un efecto que, segundo recoñece o noiés, é o que máis chama a atención e que fixo que el se namorara del: «É como unha especie de maxia que engancha».
Explica que despois de varios meses con este proxecto en marcha, «o retorno que temos é fantástico. É unha acción voluntaria pero tremendamente gratificante, ademais de ser unha maneira de tocar diferente», apunta o arpista noiés. Destas sesións trae consigo moitos recordos entrañables e, aínda que os nenos non están atravesando polas súas mellores circunstancias, son moi agradecidos, porque lles achegan o instrumento para que o toquen, o sintan coas mans e perciban as vibracións.
Rodrigo Romaní non esconde que sinte especial devoción pola arpa, e sinala que, se alguén quere comezar a tocala, «o primeiro contacto é moi agradecido, porque todo soa ben e reforza enseguida a aprendizaxe. Despois, cando xa queres facer cousas a nivel interpretativo, entón xa empeza a facerse complicado, porque as dúas mans fan cousas diferentes e o cerebro ten que dividirse».