O recompilatorio de A Voz de Barbantia, un milagre feito realidade que suma sete edicións
BARBANZA
O novo volume está xa a dispor dos lectores nos puntos de venda habituais
15 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Milagre, galego, bagaxe e futuro. Estas catro palabras chegarían para resumir o mundo enteiro que hai detrás do sétimo recompilatorio de A Voz de Barbantia que vén de presentarse en Muros e que dende este mesmo domingo está a disposición dos lectores nos puntos de venda habituais de La Voz de Galicia. Eses catro vocábulos repetíronse, algún literalmente, outros intuíanse, nas intervencións de Ramón Ares, delegado de La Voz de Galicia en Barbanza; e de Manuel Cartea, vogal de Barbantia e coordinador do suplemento. Foron eles os encargados de presentar un recompilatorio ao que algúns non lle auguraban unha traxectoria tan extensa como está a ter.
O propio Ares admitiu ao comezo do seu discurso que hai anos, na presentación do segundo recompilatorio, deixara caer que non podía garantir un longo futuro para o suplemento e para a andaina conxunta que a Asociación Cultural Barbantia e La Voz de Galicia emprenderan no 2004, para acto seguido recoñecer que «nunca tiven fama de bo adiviño, e aos feitos me remito. Desde aquel pesimista augurio saíron á luz cinco recompilatorios. E xa me temo que esta andaina ilusionante incluso me vai sobrepasar». Hoxe, A Voz de Barbantia é un proxecto consolidado que arroxa unhas cifras moi elocuentes, como sinalou Ramón Ares. Lévanse publicado, ata este sétimo volume, 1.925 textos en 700 páxinas do xornal. «Pero hai unha cifra máis modesta que, para min, ten máis valor: o 200 que encabeza o suplemento que hoxe publicamos. Por que lle dou tanta relevancia? Porque estamos presentando o sétimo recompilatorio e resulta que xa completamos o oitavo, polo que no 2025 volveremos citarvos para atoparnos arredor desta iniciativa da que non me canso de destacar que é única».
Afondou en que se trata dunha publicación que acolle «unha cultura que nace do pobo, agroma, expande a semente, medra e multiplícase. E cultura, ademais, feita na nosa lingua, en galego». Lembrou as firmas que deixaron a súa pegada no suplemento, algunhas xa desaparecidas, e reivindicou o compromiso e complicidade das persoas que fan posible que A Voz de Barbantia exista e resista: «Hai tempo que deixou de ser un milagre, porque un milagre é un suceso inexplicable e este suplemento nin é un suceso nin é inexplicable, porque é o froito do esforzo de todos os colaboradores».
Obra colectiva
Contradixo estas palabras Manuel Cartea, que tomou a palabra a continuación para afirmar que A Voz de Barbantia é «un milagre, milagre colectivo». Remarcou esta palabra, igual que o fixo con «galego», para pór en valor o idioma baixo o que se acubillan todas as publicacións e actividades da asociación cultural.
Cartea repasou brevemente os números dos suplementos que van alá: dous mil artigos, 1.900 imaxes, 200 colaboradores e dez responsables de cada sección. Para concluír exclamando: «Excelente traballo!». El falou de milagre, si, pero lonxe de ser un fenómeno inexplicable, puxo sobre a mesa as realidades que fan posible ese prodixio, e para elo escolleu frases soltas que foi collendo dos limiares dos anteriores recompilatorios: «Punto de encontro e reflexión, de Rianxo a Muros. Capital humano altruísta e abundantemente preparado. Compañeirismo e amizade creativa. Complicidade e teimosía. Entusiasmo e constancia. Do íntimo ao universal. Vigor cultural e compromiso. Excelencia e resiliencia. Ventá de oportunidades. Éxito compartido. Lembranza do pasado, acta do presente e semente de futuro».
Para rematar, deu mil grazas a institucións, socios, colaboradores, lectores e simpatizantes e despediuse: «Barbantia existe por vós e para vós». E parafraseou a Caballero Bonald: «Somos o tempo que nos queda. Desfrutémolo pois en paz e harmonía».
Cando chegou a quenda de intervención da presidenta da asociación cultural, María Xesús Blanco, non quixo deixar pasar a ocasión de trasladar «o noso agradecemento infinito a La Voz de Galicia e ao seu delegado en Barbanza, Ramón Ares, por termos hoxe connosco este recompilatorio e por seguir apostando por este voceiro activo».
O aniversario da asociación e a Semana da Historia de Muros son os protagonistas do «Anuario de Estudos do Barbanza»
Este 2024 non foi un ano calquera para a Asociación Cultural Barbantia, porque nesta volta ao sol que está a piques de rematar a entidade festexou os seus vinte anos de vida, un aniversario que ten un espazo propio máis que merecido no vixésimo Anuario de Estudos do Barbanza, no que se fai un cumprido repaso a un ano de intensa actividade. Pero neste novo volume tamén teñen un protagonismo central Muros e a súa historia, a través das xornadas que se celebraron o pasado mes de setembro.
A vila medieval, a historia de Muros a través do seu arquivo, a súa toponimia e a arquitectura do ocio, co Teatro Mercedes aos cines París e Avenida como eixos, son algúns dos relatorios que abren o anuario, traballos asinados por Iria Caamaño, María Mayo, Pedro García Vidal, Margarita Novo Malvárez e Alfonso Blanco Quintela. Esta achega muradá ao volume editado por Barbantia púxoa en valor na súa intervención a concelleira de Cultura, Caridad González.
No que respecta aos demais capítulos que compoñen o anuario, a vicepresidenta de Barbantia, Encarna Pego, xunto con Daniela Martínez, tesoureira da asociación, foi a encargada de debullar o contido do número vinte da publicación, poñendo o énfase sobre todo no agradecemento: «Ante todo, agradecer o labor desinteresado que fan as persoas que cada ano nos ensinan tanto desta bisbarra e a súa contorna. Agradecemos infinitamente o seu traballo, que, insisto, fan por amor á arte».
Vinte traballos
Este novo Anuario de Estudos do Barbanza, que conta cun limiar asinado por Xosé Ricardo Losada, inclúe firmas como a de Milagros Torrado, cun documentado traballo sobre A parroquia de Cespón no cancioneiro popular, ou a propia Encarna Pego, que fala sobre Os traballadores galegos na emigración.
Mestres, estudantes, catedráticos como Jesús Pérez Besada e Esperanza L. Mariño Davila, dramaturgos e investigadores colaboran tamén nunha publicación que pecha o resumo do que foi este ano vinte da Asociación Cultural Barbantia. Como firma convidada na sección Aires de Fóra participa no volume Margot Fernández, profesora do IES Espiñeira, que fai Unha achega aos versos de Horacio.
Sobre a calidade dos traballos incluídos nesta vixésima edición do anuario tamén falou a presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco, que subliñou que o libro constitúe «unha fonte de documentación extraordinaria, moi relevante para a bisbarra e a súa contorna».
Non desaproveitou a ocasión para destacar o labor tanto de Manuel Cartea como de Pastor Rodríguez na revisión e coordinación do volume, e parabenizou a cantos participaron nel e a Xosé Ricardo Losada por un limiar «que, como sempre, sorprende e invita á reflexión». Por último, Blanco agradeceu publicamente a colaboración da Deputación da Coruña polo seu apoio á asociación dende os seus comezos, e particularmente pola súa achega á hora de facer posible a publicación deste novo anuario.