Vitamina N

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Paisaje en la comarca.
Paisaje en la comarca. JOSÉ MANUEL DOSIL

17 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Advertencia: Non vai vostede a atopar a chamada vitamina N en ningún alimento ou medicamento. É o aporte vitamínico que nos dá a natureza, xorde do contacto co mundo natural e maniféstase a través da conexión sensorial con el. O ideólogo deste concepto é o xornalista Richard Louv, que acuñou o termo Trastorno por déficit de natureza, algo que moitas persoas que viven nas cidades padecen. A natureza non só é agradable de ter, senón que é imprescindible para a saúde física, o funcionamento cognitivo e a saúde mental.

Sempre estivo entre nós, pero cos procesos inconscientes de urbanización fómola perdendo, e aínda hoxe seguimos urbanizando sen conciencia natural. Cada día destruímos verde, deliberadamente, e debiamos estar comezando a renaturalizar, pero non é popular neste país.

Unha investigación recentemente publicada na revista Science fai énfase nesa importancia: os autores avaliaron os impactos positivos que a natureza ten na saúde mental e propuxeron un modelo que serve para conservala nas cidades e conseguir os desexados efectos positivos.

Urbes como Berlín, Vitoria ou Pamplona entenderon desde o principio que a natureza debe penetrar, arrodear aos edificios, ser parte protagonista. Con todo, a contaminación dos gases e ruídos impiden absorber a vitamina N.

Para impregnarnos desa vitamina non basta con camiñar pola natureza, co móbil na man e falando. Hai que darse baños de bosque, pechar os ollos, respirar fondo, escoitar os sons e os silencios. Chegar a illarnos de todo o que non sexa natural. Desconectarnos e cargarnos de aire puro.