Papar o auténtico

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

CARLOS CORTÉS

18 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En teoría, a Fonsagrada fica lonxe de Barbanza (dúas horas e corenta minutos desde A Pobra) pero estamos moi preto. Alí, unha asociación cultural de xente moza organiza con moito agarimo e ilusión unha celebración colectiva da música popular, a xa famosa Foliada da Fonsagrada. Rapazada polas rúas e bares, nas escolas, bailando, tocando, cantando. O auxe da música tradicional e o bo facer animou a que este ano a Foliada petase con máis visitantes e de moitos máis sitios. A festa cambiaba entón de escala. Nos vídeos víase a aparente marabilla dunha chea de rapaces improvisando muiñeiras polas rúas. Porén, a realidade no terreo foi máis complexa. Rexistráronse casos de vandalismo inusitados, roubáronse prezados instrumentos con fondas historias persoais ou invadíronse propiedades privadas. A xolda comunitaria convertíase noutra cousa.

A organización da foliada emitiu un comunicado pedindo unha «reflexión urxente» sobre o que consideran unha agresión á «comunidade fonsagradina». Velaí a cerna do asunto. A vella motivación das aldeas de facer algo grande para «que veñan de fóra» provoca agora ás veces frustración, ao descubrir con sorpresa que as grandes afluencias destrúen o sentido orixinal de festas concibidas para pequenas comunidades. Cada vez máis ímonos atopar nesa contradición: unha sociedade ávida na procura da autenticidade que a destrúe ao consumila, en gran medida porque os visitantes non queren asumir os códigos da comunidade local.

Algo podemos aprender no Barbanza deste asunto.