Barbantia, vinte anos de cultura

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

A entidade desenvolveu unha intensa actividade coincidindo coa celebración de dúas décadas marcando o paso creativo na bisbarra

04 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

uros foi a última parada das citas mensuais da Asociación Cultural Barbantia ao longo do 2024, exercicio no que a entidade cumpriu vinte anos marcando o paso da creatividade no territorio de Barbanza. A monumental vila non acostumaba acoller actividade do colectivo, pero tampouco era a primeira vez que se facía un acto nela, polo que tanto a alcaldesa, María Lago; como a concelleira de Cultura, Caridad González, deixaron constancia pública do interese en formar parte do espazo barbantiano, coa cultura como principal e único argumento.

Moitas circunstancias coincidiron o 15 de decembro deste 2024 para converter o encontro nunha cita histórica: a entrega dos Premios Barbantia da Cultura e a presentación do Anuario de Estudos do Barbanza, habituais no mes de decembro, pero tamén a posta de longo do VII Recompilatorio de A Voz de Barbantia e a publicación do suplemento número 200 que ese mesmo día se distribuían co xornal La Voz de Galicia, número redondo que anunciaba que o oitavo recompilatorio cos suplementos comprendidos entre o 176 e o 200 xa está completo para unha vindeira elaboración, impresión e distribución que se fará efectiva no 2025, si se cumpren todas as condicións para facelo.

A confluencia de tantos feitos, así como a representación acadada en Muros viñeron a demostrar que aquel movemento que se iniciou no 2004 non só segue vivo, senón que ten moita vitalidade e segue a ser «un centro de ideas no que todos se sintan útiles e partícipes do proxecto, no que a distancia non debe ser un atranco para o encontro, para compartir», como lembrou a presidenta, María Xesús Blanco, parafraseando ao seu homólogo fundador e principal artífice de Barbantia, Antón Riveiro Coello: «Pois aquí estamos hoxe, vinte anos despois, compartindo», sinalou Chus.

Sobre o novo recompilatorio, interveu Manuel Cartea, ex presidente e un dos coordinadores da publicación: «2.000 artigos, 1.900 imaxes, 200 colaboradores, 10 responsables de cada sección: Excelente traballo!. En galego. Un Punto de encontro e reflexión, de Rianxo a Muros. Capital humano altruísta e abundantemente preparado. Compañeirismo e amizade creativa. Complicidade e teimosía. Entusiasmo e constancia. Do íntimo ao universal, de nós ao mundo. Un referente cultural en Galicia. Vigor cultural e compromiso. Excelencia e resiliencia. Ventá de oportunidades. Éxito compartido. Lembranza do pasado, acta do presente, semente de futuro. Epifanía do verbo que se chama Cultura. Un milagre, milagre colectivo» frases que recolleu dos limiares dos seus volumes anteriores, para rematar: “Grazas mil, mil grazas a todas e todos (institucións, socios, colaboradores, lectores e simpatizantes). Barbantia existe por vós e para vós».

Si Barbantia desenvolve unha intensa actividade nun ano ordinario, como as presentacións mensuais, a Romaría das Letras, Barbantiarte e outras, nun extraordinario como o 2024, vixésimo aniversario da súa fundación, estaba obrigada a facer algo máis, e as citas máis relevantes foron o 12 de novembro, o día no que no 2004 se puxo en marcha a entidade do que quedou unha imaxe dos participantes na asemblea constituínte nas escaleiras do Centro Social de Boiro. No mesmo inmoble e na mesma entrada, coas escaleiras ao fondo, fíxose unha foto conmemorativa cos catro presidentes que estiveron ao fronte da asociación nestes vinte anos: Antón Riveiro Coello, Xesús Laíño, Manuel Cartea e María Xesús Blanco, coas escaleiras ao fondo formando directivos, socios e colaboradores.

Outra cita posta e marcha co mesmo motivo, foi a Festa da Poesía e da Música, o 16 de novembro, consistente nun recital a cargo de Ciro Briones, Andy da Fonte, Esperanza Mariño, Manuel Rodríguez López, Ana Romaní e Eva Veiga, mentres que da parte musical encargáronse o dúo Barahúnda re o grupo Stormy Trucks.

E para porlle un broche ideal, os socios subiron ao olimpo barbantiano ao artistas e escultor Che Tembra; ao dúo Barahúnda, e ao arpista Rodrigo Romaní, premios Barbantia da Cultura 2024.

M. ARES, LA VOZ

M

Os catro presidentes de Barbantia dende a súa fundación. FOTo MARCOS CREO