Era sinxelo

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

ADRIAN BAULDE

14 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A planificación urbanística galega leva 39 anos dando paus de cego, xa que antes do 1981 era competencia central. Con todo, xa levabamos anos destruíndo as nosas vilas en aras dun falso progreso, ás veces impulsado polos cartos da emigración, outras polo afán especulativo permitido polas autoridades locais.

Os nosos centros históricos —non falo dos declarados conxuntos históricos, senón de todos os centros das vilas cabeceira— tiñan unha harmoniosa silueta de oito a dez metros de altura, pero chegou a estrutura de formigón que permitía máis elevación por menos cartos, e comezamos a botar abaixo casas de pedra para chantar bloques de 15 metros, ou máis.

Hoxe, para aprobar un plan urbanístico, temos que ordenar todo o territorio, incluso o que leva ordenado douscentos anos. É tan sinxelo como deixar o centro tranquilo, coa altura de toda a vida, e promover bloques na periferia, ou seguir o modelo británico dos chalés acaroados, mantendo aquela altura de sempre. Territorio temos abondo, o que permite menor densidade e máis humanidade.

Pódense contar cos dedos dunha persoa as localidades que non teñen edificios de cinco alturas, e moitas veces en poboacións de 400 veciños. Incluso nestas podemos dicir que instalaron ascensores, cando non é necesario.

Levamos 40 anos asistindo a cursos de urbanismo que só tratan da lexislación urbanística, dos cómputos do aproveitamento urbanístico e dos trucos para aumentalo. Pero sempre baseándonos no berce legal español, nunca houbo intención de facer normas galegas. Non reflexionamos sobre a nosa identidade.