O dicionario da Real Academia Galega define adival como unha corda longa e grosa que se usa para suxeitar a carga do carro ou dun remolque, pero os que vimos do rural tamén o recordamos como a corda coa que se controlan as vacas.
A Xunta de Galicia pon en marcha un proxecto asociativo con este nome, que pretende crear unha rede de asociacións para partillar actividades e intercambiar experiencias. A rede asociativa galega é moi extensa: máis de 5.000 entidades culturais están inscritas no rexistro autonómica, que comprenden a máis de 37.000 persoas dedicadas á cultura en Galicia.
Dende grandes asociacións que actúan en distintos ámbitos a outras que son sectoriais (teatro, música, pedras), máis as entidades de carácter comarcal ou local que manteñen vivo o patrimonio en todos os recunchos da nosa terra. Tamén están inscritas 160 fundacións, das que unicamente 60 teñen actividade regular e periódica, pero que gardan o legado de moitos eruditos galegos para xeracións futuras.
Galicia segue sendo un país eminentemente rural, e dos 2.800.000 habitantes, unicamente un millón vive nas áreas das sete grandes cidades, e 1,8 millóns están dispersos polo resto do territorio.
Achegar a cultura a todo o país é un reto, máxime en concellos —como hai— de menos de dous mil habitantes. Paréceme unha gran idea que o responsable da cultura colla as rendas dunha rede que, de non ter un capitán, poden perder o rumbo e gastar tempo e esforzos sen ver beneficio. Unha rede que non estea politizada, que só pense na nosa cultura e patrimonio, que non debe ter cor política.