Xan Leira amosa no Museo do Gravado de Artes as súas memorias familiares da represión franquista

BARBANZA

A colección pasará a engrosar os fondos do centro despois de viaxar a Bos Aires
08 feb 2025 . Actualizado a las 17:48 h.A nova exposición que desde a noite do venres se amosa no Museo do Gravado de Artes permite coñecer de primeira man o drama que para moitas persoas supuxo a represión franquista. Trátase dunha colección de 42 estampas realizadas por Xan Leira, un artista nacido en Bos Aires coñecido especialmente polas súas facetas de produtor e director de cinema, que amosa nesta ocasión o seu lado creativo, xurdido cando aprendeu co seu pai os segredos das artes gráficas na imprenta familiar.
O título da mostra, 807/36, fai referencia ao número de expediente do xuízo por rebelión militar instruído contra Flora de Dios e Agustín Leira, avós maternos do artista. A partir deses díxitos, Leira saca á luz as historias silenciadas destas e doutras vítimas, dándolle voz aos seus descendentes. As obras expostas no centro artístico ribeirense complétanse con códigos QR que permiten escoitar testemuñas que reviven o que lle aconteceu aos seus antepasados.

Entre os elementos máis destacados da exposición figuran tamén unha instalación sobre o chan, que simula unha fosa común, e o propio soporte das obras, un papel que foi maltratado polo artista para convertelo nunha metáfora da resistencia humana e a persistencia da memoria.
O propio Xan Leira explicou, no acto de inauguración da exposición, os motivos que o levaron a idear esta colección: «Insistir, profundar, permanecer na recuperación da memoria histórica e dialogar doutro xeito cos elementos constitutivos da miña propia identidade».
O alcalde de Ribeira e presidente da fundación que xestiona o museo, Luís Pérez, incidiu na conexión coa actualidade que ten a exposición: «Vivimos momentos de cambios, de inestabilidade e de volta a discursos extremos, por iso a arte de Xan Leira é un aliciente a manter viva a memoria. Ensínanos que debemos enfrontar o pasado, coñecelo e aprender dos erros para construír un presente máis xusto».
Tamén arrouparon ao artista Javier Expósito, fundador do museo; Carlos López Bernárdez, crítico de arte; Araceli Gestido, alcaldesa de Cangas —onde a colección estivo exposta con anterioridade—; e Leonardo Rial, director do Taller Experimental de Obra Múltiple Contemporánea de Vilariño (Cangas), onde foron estampadas as pezas que integran a exposición de Xan Leira.
A colección 807/36 de Xan Leira permanecerá ata finais de marzo no Museo do Gravado de Artes, desde onde emprenderá unha viaxe ata Bos Aires, onde está prevista a inauguración para o 6 de abril. Posteriormente, as máis de 40 estampas que integran a mostra pasarán a formar parte dos fondos que ten o centro artístico situado en territorio ribeirense.
Neste sentido, tanto Javier Expósito como Xoán Pastor Rodríguez, o director do museo, agradeceron a cesión, que contribuirá a incrementar a valiosa colección de obras coa que conta o centro. Sobre a serie, Pastor Rodríguez destacou que «partindo dunha ferida familiar sen curar, Xan Leira universaliza a dor e o compromiso coas vítimas, dun xeito anovador e artístico».
A exposición complétase cun catálogo, que se presenta como un xornal de 48 páxinas que mantén as coordenadas estéticas da mostra e reúne as colaboracións de Carlos L. Bernárdez; Leonardo Rial; Luís Pérez Barral; Pastor Rodríguez; Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz e artista plástico; e Néstor Goyanes, gravador arxentino.