
Non sei se a algún de vós vos ten pasado que, tras ver un problema en Facebook (por exemplo) ó resolvelo comprobáchedes que o resultado estaba errado. A min pasoume. A última foi unha demostración aparentemente científica, de facer bailar unha moeda no medio dun triángulo de culleres en contacto co polo positivo dunha pila. Non funciona. É falso; pero fíxome dubidar, o cal serve para decatarnos de que non todo canto aparece en internet é verdade e é necesaria unha comprobación. O peor é que esa falsidade veña acompañada de centos ou miles de likes que a converten nun andazo cultural.
As redes sociais, que naceron como unha axuda para as comunicacións nun mundo cada día máis complexo, veñen sendo, en moitos casos, verdadeiros come-cocos ateigados de falsidades. Convertidas en voceiros das máis insólitas propostas, en propaganda de todo tipo baseada en atraer a atención das masas, en facernos sentir curiosidade polo que proclaman e aceptar os seus postulados como se fosen verdades absolutas, e iso é o negocio dos seus difundidores para alcanzar obxectivos pouco éticos; máis aínda cando a esas noticias se lle engade un lema ou unha consigna que nos adule as orellas, daquela o éxito é total e a carreira social ou política dese propagandista das redes está asegurada. Entre nós, sen ir moi lonxe, temos exemplos de afamados personaxes públicos que chegaron ó seu alto posto pola vía das redes socias, ateigando os móbiles de falsidades arteiramente argumentadas e difundidas en progresión xeométrica.
Na súa última novela, Un amigo do pobo, Nacho Taibo retrata, con esa carga de sorna que el sabe aplicar maxistralmente, a un destes tipos que, a base de likes polas súas fake news, se converte en magnate das comunicacións acadando o máis alto cume do poder político, demostrando que os likes poden valer máis ca os billetes.
O señor Steve Bannon é un destes espelidos artistas das redes, un americano experto en difundir mentiras, contos e andrómenas. Deixoullo claro a Trump hai xa algún tempo, dicíndolle que propagase contra vento e marea as ideas nacional-populistas se quería medrar. O outro fíxolle caso e aí temos as consecuencias, presidindo cada día as cabeceiras de todos os medios con grandes titulares que meten medo.
Os propagadores de rumores saben que o ruído invítanos a participar del, por moi tranquilos que sexamos, coma cando estás vendo un partido de fútbol e te deixas levar da euforia que outros manifestan; tamén, se a noticia en redes che fai tilín, non dubidas en darlle a compartir para axudar a que iso chegue a todas partes e xere convencemento, baixo a vella premisa de dar por certo aquilo que todos din, sen molestarnos en comparar, preguntar ou dubidar. É a política feita ó amparo de argalladas e predicadores que nos están levando cara un futuro incerto, niso que podemos definir como a incerteza da ignorancia.
Ese señor Bannon díxoo moi claro, que a verdadeira oposición son os medios, e a maneira de enfrontarse a eles era enchendo todo de merda, así con esas palabras; e o seu exemplo é seguido en todo o mundo, mentres non se desenrole un programa que indique en fosforescente cor vermello se estamos diante dunha fake new, un bulo ou unha idea trasnoitada.