Ribeira lembra a Rosalía con poesía, música, caldo de gloria e unha figueira

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Xornadas gastronómicas en Outes, lectura de versos en Rianxo e obradoiros en Lousame

17 feb 2025 . Actualizado a las 14:07 h.

O vindeiro día 23, coincidindo co aniversario do seu nacemento, celébrase en Galicia o Día de Rosalía. Ribeira sumarase á homenaxe á escritora do Sar con diferentes actividades, que comezarán este martes e se prolongarán ata o domingo.

Para o arranque desprazaranse ata o auditorio as cantareiras Felisa Segade e Montse Rivera, que presentarán o espectáculo Axudádeme a cantar. A cita está fixada para as 11.00 e terá como público ao alumnado de diferentes centros de ensino.

O Concello de Ribeira aliouse coa Fundación Rosalía e organizou un acto institucional para as 12.30 horas deste mércores, consistente na plantación dunha figueira no exterior da Casa da Xuventude, que será amenizado polo gaiteiro Alberto Millán. Está prevista a asistencia de Anxo Angueira, presidente da entidade encargada de difundir a vida e a obra da escritora.

O xoves, os estudantes regresarán ao auditorio para asistir ao concerto e recital de María Faltri Os cantares de Rosalía, mentres que a biblioteca abrirá as súas portas o venres para que todas as persoas que o desexen se acheguen á obra de Rosalía. A cambio, recibirán como agasallo un caravel. A actividade desenvolverase de 9.00 a 14.00 e entre las 16.00 e as 21.00 horas.

A rapazada volverá a ser a destinataria da cita prevista para o sábado con Jara Ortiz. Trátase dun obradoiro e espectáculo de narración oral: Rosalía cantareira. Terá lugar ao mediodía no centro cultural Lustres Rivas.

Este programa cultural chegará ao seu fin o domingo, cunha nova acción que se desenvolve en colaboración coa Fundación Rosalía: unha degustación de Caldo de Gloria. Oito establecementos hostaleiros sumaranse a esta proposta: Cocoluche, Tagen Ata, Catelao, A Recoveira, Plaza, Pedra Pateira, D’Vicio e Central.

«Temos actividades para todos os públicos», destacou o rexedor local, Luís Pérez, ao tempo que incidiu na necesidade de poñer en valor a nosa lingua «sobre todo nun momento onde o datos estatísticos están demostrando que se deben aprobar medidas que fomenten o uso da lingua galega e fomenten a transmisión xeracional por parte de pais e nais a fillos e fillas». Neste sentido, aludiu ao interese do Concello de Ribeira por «potenciar o uso do galego en tódolos ámbitos».

O rexedor informou de que dende o Servizo de Normalización Lingüística trabállase para que calquera persoa independentemente da súa condición e da súa nacionalidade poida desenvolver a súa vida integramente en lingua galega.

Xornadas gastronómicas en Outes, lectura de versos en Rianxo e obradoiros en Lousame

En Outes, o servizo de Normalización Lingüística conta coa colaboración do sector hostaleiro para lembrar á escritora do Sar. Varios restaurantes do municipio servirán tapas do Caldo de Gloria do que Rosalía fala no seu poema Miña casiña, meu lar. A Nosa Taberna, John Turkey, Casa Amanda, Mesón O’Portelo, Arela, A Taberna do Pesco e A de Vila ofrecerán o manxar o sábado, mentres que Viña, O Taboleiro, Albatros, A d’Marilús, Casa de Roque e A de Suso súmanse á iniciativa sábado e domingo.

O edil de Cultura, Anxo Núñez, agradeceu a participación de todos estes establecementos: «É unha maneira distinta e efectiva de achegar a nosa cultura a toda a cidadanía». Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Soledad Agra, convidou «a toda a veciñanza e aos veciños da contorna a que se acheguen e homenaxeen connosco á poeta».

O Concello de Rianxo lembrará á escritora do Sar o domingo, cun acto que se celebrará ao mediodía no paseo da Ribeira. Diante do monumento en memoria da autora farase unha ofrenda floral, á que lle seguirá unha lectura de poemas por parte de alumnado dos centros educativos do municipio. Poderán sumarse tamén os veciños que o desexen.

En Lousame será a rapazada a que teña a oportunidade de sumarse aos obradoiros culturais promovidos polo Concello con motivo do Día de Rosalía. Tratase de talleres nos que os participantes elaborarán pandeiretas de cartón a marcapáxinas inspirados na poeta galega. Desenvolveranse na casa de cultura este domingo, de 17.00 a 19.00 horas, e están dirixidos a nenos de 6 a 14 anos. A Concellería de Cultura convocou un total de 20 prazas. As inscricións estarán abertas en Bandoticket .