
Antón!... trae o meniño prá casa, que aínda vos vai caer un encima —berráballe a sogra dende a solaina.
A xente acuñaba as ventás e, das tabernas saían a tomballóns.
—Parecen os fogos de luces dos Pincheiros —con sorna esbardallaba algún.
Nodrizas e pequenas naves espectrais refulxían polo ceo. A xente enfocábanlles os móbiles pra colgalos nas redes, mentres que outros aseveran que eses artefactos proceden deste planeta que, por algunha razón, se deixan ver.
—Eses xiros bruscos non os pode facer ningunha máquina creada polos cromañóns, que só saben facer bombas atómicas —gruñían por alí.
—A partir de agora, comezarán a desconfiar das antenas 5Gs, escapes dos avións, das novas tecnoloxías e do santo que as abalou.
Falan de que un home foi ao hospital porque lle doia unha perna e os médicos, despois de facerlle un escáner á cabeza, quedaron abraiados ao ver que tiña a cabeza ghueca. Só contiña un repouso de cerebro no fondo do cranio, e indagaron que o doente era funcionario, con casa, familia e coche, concluíndo con isto que o ser humano é Capitis deminutio, onde os miolos non chegan nin a ocupar o 10 %.
Ninguén sabía o que eran e, dende as televisións, seguían enganando a plebe dicíndolles que, se cadra, podía deberse a un reflexo cósmico dalgunha nova ocorrencia do olívico alcalde das luces.
Os ufólogos despáchanse a gusto explicando que a fibra óptica, móbiles, láseres, biometrías, chips, máquinas HAARPs e a IA, non son méritos do Homo sapiens. Chegando a asegurar que estes inventos son cousa dunhas civilizacións secretas que teñen o cerebro ao 100 %, e os inventos que eles nos venden só serven para queimar os de Maui, en Hawái, arrasar as mansións dos famosos de Hollywood e barrer o planeta de pailáns que, segundo estes, a constitución lles dá dereito a ser idiotas.
Unha destas razas enerxéticas, no 1947, acordou con Truman colaborar con eles facilitándolles avances tecnolóxicos a cambio de certas «concesións». Isto foi aceptado entre ambos; ata que, nun momento, descubriuse un gran fraude no tratado por parte dos aliens, rematando nunha trafulca onde houbo 67 baixas no exército americano, quedando o tratado en stand by durante un par de anos.
Uns falaban dunha invasión, e outros dicían que se marchaban porque descubriran que os querían afogar dentro da súa base subterránea.
O Biden aínda non se decatara de que os socios dispoñían dun cabezón a tope de materia gris, capaz de insuflarnos ordes e lernos o pensamento. Agora vailles dicir que o da inundación, era unha broma.
—Antón, traes o meniño, ou vou eu por el?
Antón, co meniño á cachaperna, ladra:
—Vou! Vou vou...!