No limiar, que el chama Aviso, de Cincuenta homes por dez reás, Castelao di que para cualificar un home abonda un intre da súa vida. Pero deseguido engade, con esa mestura de retranca popular e paradoxo filosófico que o caracteriza, que el seleccionaba intres dos homes e deixaba que os cualificase o lector. Por exemplo, se el dicía que un home escrupuloso pensaba que catro moscas que afogaran no seu vaso de viño se suicidaran para amolalo, o lector podía dicir que ese home era parvo.
Volvo ler ese marabilloso libro antes de ir ao acto de homenaxe a Castelao que o Concello de Rianxo lle fai todos os xaneiros nos xardíns da Ribeira. Mentres escoito os discursos do alcalde e do presidente da Fundación Castelao, vénme á cabeza a omnipresente e, polo que se está vendo, omnipotente, figura de Donald Trump. En principio solto un íntimo Vade retro, Satanás, entre outras cousas, porque non quero que semellante personaxe lle reste protagonismo a quen o merece. Pero axiña me decato de que o meu cerebro está convertendo o flamante presidente dos Estados Unidos non en un, senón en moitos dos personaxes de Cincuenta homes por dez reás:
O home que aínda goza mirando pernas. O home que se bota de valente desde que lle pegaron unha puñalada. O home que ten unha patria moi grande. O home que casou por amor propio. O home que deixou a tenda por ir ao Auntamento. O home que foi ladrón e despois fíxose filántropo. O home que calcula cantos fillos seus haberá na Inclusa. O home que se afixo a que lle chamen ladrón. O home que sabe moitas leis para facer moitas trampas. O home que subiu á torre porque estaba borracho. O home que non sabe por que a balanza é un símbolo de xustiza. O home que parece don Quixote e presta diñeiro ao doce por cento.
Non vou concluír cualificando a Trump de parvo por todos eses intres da súa vida para facer un artigo redondo. Como di Castelao, es ti, lector, quen debe cualificalo. Eu limitareime a cualificar o libro que estou citando como un clásico. Pois clásico é o libro —nalgúns casos por desgraza— que nunca perde vixencia.