
Suso Bello e Sabela Olivares desvelaron os segredos de «A landra viaxeira e o amigo Lambón», un libro con vida propia
01 mar 2025 . Actualizado a las 19:39 h.O acto mensual da Asociación Cultural Barbantia tivo como centro de atención o libro A landra viaxeira e o amigo Lambón, de Suso Bello e Sabela Olivares, con ilustracións de David Cuence, obra que se sae do corrente nos seus contidos, polo que tamén foi distinta e especialmente divertida a presentación, na que tivo o seu merecido homenaxe Rosalía de Castro, co recital de poesías e a interpretación musicada de algunhas delas.
Inicialmente, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, deu a benvida a Barbantia e declarou que o feito de estar na Pobra demostra que a cultura está viva no municipio. A presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco, agradeceu a acollida e pasou a presentar aos membros da mesa: os autores e o poeta Xabier López Marqués.
Tradición popular
O primeiro en intervir foi López Marqués, confesando que sempre é de agradecer a publicación dunha obra que teña como alicerce a tradición popular, á que lle atribuíu o mérito de conservar a lingua galega ao longo dos anos: «Iso foi o que me fascinou, o emprego da lingua popular que se fala e que se canta».
Suso Bello, recoñecido músico barbancés, cualificou o libro de «quilómetro cero, un produto de proximidade, porque o que fixemos foi empregar a nosa ría, a nosa bisbarra, para metela aí». Para degustar a obra, sinalou: «É un libro musical, porque somos músicos antes que escritores. Ti podes ir lendo o libro, pero faltan partes. Esas outras partes están na música, porque leva 12 pezas nas que o conto está narrado en diferentes rítmicas». Porén, concretou que unha parte necesita da outra. En canto á linguaxe, Bello asegurou: «Usamos o galego normativo, pero na parte oral, o popular, expresións locais que recollemos onde tocamos».
Sabela Olivares falou da parte pedagóxica dun volume que cualificou de musical, e como ao alumnado lle encanta aprender a través da música, polo que apostaron porque o libro se convertese nun recurso para a docencia, para empregalo en todas as áreas do coñecemento. Precisou que o libro non pode entenderse sen a parte musical, polo que leva un código QR con todas as cancións e recursos que van incorporando, como o emprego de linguaxe de signos.
Na parte final, Suso Bello e Sabela Olivares fixeron varias didácticas nas que implicaron a todos os presentes, incluso ao propio alcalde de A Pobra, José Carlos Vidal, ao que tamén lle correspondeu abrir a quenda da lectura de poemas de Rosalía de Castro.