A relación dun pobo coa súa relixión predominante é unha cuestión cultural. Namentres en Marrocos hai 55.000 mesquitas, en España o número de templos cristiáns é de 23.000, á parte dos 735 mosteiros e conventos. A proporción entre templos e humanos é de unha mesquita para cada 670 marroquís, mentres hai unha igrexa para cada 2.100 cristiáns españois. Chama a atención a desproporción entre uns e outras, pero no país veciño, ademais, hai lugares de culto musulmán en todas as gasolineiras, centros comerciais, aeroportos, estacións de tren e autobuses, e mesmo nalgúns establecementos de certo tamaño.
Mentres na nosa cultura apenas unha pequena parte da poboación é practicante regular, e iso significa ir á misa unha vez por semana —xa que os enterros e outras celebracións non son regulares—, os nosos veciños fan cinco rezos musulmáns cada día, os sete días da semana, os 365 días do ano, sen contar coa celebración extraordinaria do ramadán, onde se privan dos praceres da vida cotiá.
Para cada un deses cinco rezos diarios, tanto se o fan nunha mesquita como na casa ou no traballo, paran todo o que están facendo e lavan previamente os pés, as mans e brazos, a cara e as orellas. Podemos dicir que empregan nove horas semanais fronte aos 45 minutos da nosa misa.
A media de idade dos practicantes cristiáns é moi superior á dos musulmáns. Disque practicar a súa relixión é para eles unha cuestión cultural, mentres no mundo cristián hai amplos sectores do pobo que ven a práctica cristiá como algo rancio e pouco cultural. Hai que darlle unha reflexión a todo isto.