Paisaxe glaciar

jose lires

BARBANZA

CEDIDA

En directo ante os efectos incuestionables do quecemento global

01 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O sol de media noite alumeaba a habitación tinguindo o ar de tons laranxa. Era a miña primeira vez en latitudes tan ao norte e a curiosidade de experimentar esa atmosfera referida habitualmente nas conversas do meu pai, emigrante en Noruega, impedíame conciliar o sono. Ao día seguinte teriamos a ocasión de verificar sobre o terreo os efectos incuestionables do quecemento do planeta, acelerado nas últimas décadas. Tales episodios quedan rexistrados non con tinta nin en papel, senón esculpidos nas rochas e nos trazos das actuais paisaxes glaciares.

Un autobús trasladounos ata o aparcadoiro dun centro de interpretación da natureza. Algúns compañeiros deixáronse tentar polo arume a café quente que saía da cafetería e adiaron a partida. Os máis ansiosos, logo de atender as recomendacións da guía, apresurámonos a subir na primeira embarcación para atravesar o lago glaciar que nos separaba do inicio da ruta.

O camiño de ascenso discorría por unha senda balizada a fin de evitar o pateo indiscriminado dos excursionistas por lugares sensibles. O impresionante val escavado polo glaciar Nigardsbreen, un dos brazos occidentais do espectacular Jostedalsbreen, o maior glaciar da Europa continental, abríase entre paredes verticais de granito traballadas incansablemente polo xeo nos sucesivos períodos glaciais. As forzas erosivas, pese á dureza do substrato, lograron perfilar un amplo val de morfoloxía característica en artesa. A dirección de avance do glaciar gravouse na superficie das rochas a modo de cicatrices alongadas, producidas pola abrasión dos sedimentos transportados.

Proceso natural

Nos bordos e na parte central do val aparecían bloques de pedra amoreados formando cordóns, testemuños do material arrancado e depositado polo fluxo do xeo. Estas morfoloxías, similares ás que podemos atopar nas altas montañas luguesas ou ourensás, son as evidencias físicas dun proceso natural, algo así como os restos mortais dunha particular paisaxe extinta.

O sendeiro de pedra conduciunos ata a fronte do glaciar. Ante nós elevábase unha montaña de xeo. Aterecidos polo frío ficamos pampos aos pés dun xigante de auga sólida condenado irremediablemente á desaparición. A escena era brutal. A lingua azul aparecía seccionada por fendas profundas. O corpo, ferido de morte debido ao aumento das temperaturas, consumíase derramando o seu sangue cristalino.

Un regato confinado nunha canle sinuosa, moi exposta as variacións estacionarias de caudal, esvaraba polo leito rochoso cara ao lago terminal. Aínda puidemos observar pequenos bloques de xeo navegar como icebergs a carrexar no seu interior minúsculas partículas de sedimento.

A fraxilidade destes espazos e o seu papel relevante, tanto na regulación do clima como de reserva de auga doce do planeta, levou a ONU a declarar o 2025 Ano Internacional da Conservación dos Glaciares. Unha chamada de atención sobre os efectos do cambio climático que, como tantas outras, non me cabe dúbida, quedará desatendida.

Rexeitar os datos científicos está de moda, pero vai ti saber, quizais si estean preocupados os obtusos crentes da Terra plana, temerosos de que se lles veña abaixo o seu particular finis terrae de xeo.

Fronte do glaciar Nigardsbreen (Noruega) en continuo retroceso polo aumento global das temperaturas.