














Manuel Teira cedeu ao centro cadros e escritos sobre o autor falecido
07 abr 2025 . Actualizado a las 18:34 h.En outubro do 2008, o mundo das letras despedía a Anxo Rei Ballesteros, un escritor nado en Boqueixón que foi clave para a literatura galega e que na última etapa da súa vida escolleu A Pobra como lugar de residencia e inspiración. Aínda que xa hai case 17 anos da súa morte, o autor volveu a estar hoxe moi presente no municipio barbancés, en concreto, no seu instituto, onde houbo unha homenaxe moi emotiva na que non faltaron varios dos seus compañeiros e amigos, moitos deles vinculados ao asociación cultural Barbantia.
Entre eles estaba o pintor Manuel Teira, un invitado de excepción que lembrou a súa gran relación con Rei Ballesteros, ademais da importancia que tivo a súa obra. Como recordo de todos eses anos de conversas, o artista fixo varios cadros e textos sobre o autor falecido, unhas creacións que esta mañá doou para que pasen a formar parte dos fondos do instituto A Pobra.
Estarán depositados na biblioteca do centro educativo, que xa no seu día fora bautizada co nome de Anxo Rei Ballesteros. O director do instituto, Alejandro Bobillo, foi o encargado de firmar a cesión de toda esta obra, unha importante doazón que converte o IES nun lugar de referencia para estudar ao escritor.
Ademais de Manuel Teira, no acto tamén tomou a palabra outro dos amigos de Rei Ballesteros, Suso Laíño; así como a concelleira de Cultura de A Pobra, Patricia Lojo, que foi a encargada de rememorar a relación tan especial do escritor co concello pobrense.
Lectura de textos
Os alumnos de cuarto curso da ESO e de primeiro de bacharelato tamén quixeron renderlle a súa particular homenaxe a Rei Ballesteros, e durante o acto puxeron voz a varios dos seus textos. Como colofón a esta actividade cultural, os músicos Manuel Valiño en Anxo o Tato, membros do grupo Terceiro Esquerda, co acompañamento dun coro formado por alumnos de segundo e cuarto curso da ESO, interpretaron as versións feitas por Rei Ballesteros de dous grandes clásicos e Bob Dylan, Petando nas portas do ceo e Vén muller, vén.