
«A súa ausencia, non sería entendida por uns párrocos carcas e menos pola veciñanza, á que nunca se deberá defraudar en cuestións tan sensibles»
16 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Estamos xa en plena Semana Santa. As rúas olen á cera dos cirios prendidos para iluminar a noite escura, e a alma escura dalgúns dos penitentes procesionalmente fachendosos ó amosar unha profesión de fe que ten máis de escenografía social que de recollemento espiritual.
Alcaldes, corporacións locais e demais autoridades, ataviados coas medallas corporativas e empuñando o bastón de mando, quen o ostente, caerán do cabalo, o mesmo que San Pedro, para ratificar unha confesionalidade de carácter relixioso perdida cando ocupaban a oposición e recuperada no mesmo intre que xuraron o seu cargo, de carácter civil, sobre a Constitución Española, que establece un estado aconfesional no artigo 16.3, subliñando que «ningunha confesión terá carácter estatal».
Mais os alcaldes e as corporacións municipais «roxas» de Barbanza, por mor de non ofender as tradicións dos seus concellos, asisten a procesións marítimas, de Semana Santa e todas aquelas que se presten, a misas e romarías, xa que do contrario, a súa ausencia, non sería entendida por uns párrocos carcas e menos pola veciñanza, á que nunca se deberá defraudar en cuestións tan sensibles.
Goretti Sanmartín, alcaldesa do BNG en Santiago, un dos centros de peregrinación máis importantes do mundo cristián xunto con Roma e Xerusalén, diferenciou as dúas representacións: a civil e a relixiosa; así, o 25 de xullo, día do Apóstolo, non asiste ós actos relixiosos, pero si ós civís; non traizoando os principios nos que cre. Cousa diferente é se participas con fe na paixón, morte e resurrección do noso Señor.