As historias de intriga son as preferidas

M. X. B.

BARBANZA

XOÁN CARLOS GIL

Os títulos con premio teñen un gran tirón entre os barbanceses

22 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O abano que se presenta á hora de elixir un libro de lectura é moi variado e, polo tanto, os gustos dos lectores tamén o son. Sen embargo, desde as librarías de Barbanza coinciden á hora de sinalar cara a predilección das historias de intriga e de misterio por parte dos veciños da comarca.

Precisamente neste xénero enmárcanse os que actualmente son os libros máis vendidos en Barbanza. Atópase entre eles El albatros negro, de María Oruña, que volve cun ha historia sobre mortes inexplicables e un tesouro afundido na ría de Vigo. Tamén esperta grande interese na comarca Cuando la tormenta pase, unha historia de Manuel Loureiro que acontece nunha remota illa, cunha ofrenda sanguenta e unha tempestade que anuncia unha gran traxedia.

Do mesmo xeito, os libros con premio rexistran un tirón importante. Ocorre con Victoria, a novela de Paloma Sánchez-Garnica galardoada co Planeta 2024, que está ambientada nun Berlín arrasado na Segunda Guerra Mundial.

Á hora de elixir unha lectura na que mergullarse, os barbanceses déixanse tamén influenciar polos autores de renome a nivel nacional e internacional. Por iso, nos primeiros postos da lista de libros máis vendidos están En el amor y la guerra, de Ildefonso Falcones; Por si un día volvemos, de María Dueñas; e La muy catastrófica visita al zoo, de Joël Dicker.