
O número de lectores medra en Barbanza e os libreiros son moi positivos
22 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Despois dun período de incerteza, alimentada sobre todo pola irrupción das novas tecnoloxías e o aumento das vendas por internet, o sector das librarías en Barbanza mira con optimismo cara o futuro. En xeral, estes negocios son testemuñas dun incremento do número de lectores ou, polo menos, do seu mantemento, o que invita aos seus propietarios a amosarse positivos cando fan balance da situación actual.
«Estamos nos mesmos números ca o ano pasado, o que nos invita a pensar que hai marxe para mellorar o balance de aquí a decembro», sinala con gran optimismo Cipriano Pose, da libraría Ler pobrense. Engade con rotundidade: «Non hai nubes á vista que nos poñan en alerta».
Tamén é optimista Rosa Tubío, dos Espazo Lector Nobel de Boiro: «Mantéñense as vendas e, polo tanto, o número de lectores, polo que as perspectivas son boas».
Desde outra libraría da vila boirense, El Cisne, mesmo se referían a un lixeiro incremento nas vendas de libros: «Teño a sensación de que ultimamente veñen máis clientes á procura de lecturas, a preguntar polos últimos títulos que saíron ao mercado».
Os libreiros saben que o reto pasa, como no resto do comercio tradicional, por resistir, botando man dos puntos fortes que teñen as tendas locais. Entre eles, os profesionais do sector en Barbanza destacan a proximidade cos clientes: «A confianza que transmitimos, porque moita xente pídenos recomendacións e fíase das nosas suxestións», apunta Rosa Tubío.
O soporte dixital, un duro golpe que está superado
A revolución tecnolóxica rexistrada nas últimas décadas alcanzou á literatura. O libro dixital presentouse como unha gran ameaza e mesmo propinou un duro golpe ao principio, pero semella que non está a ter o impacto negativo que se esperaba.
«Penso que os dous sistemas son complementarios e se axudan mutuamente, porque o importante é que a xente se anime a ler», sinala o pobrense Cipriano Pose.
Coincide a libreira boirense Rosa Tubío: «Gran parte da xente que recorre ao libro dixital faino por cuestións de espazo e en períodos puntuais. Os lectores de papel seguen preferindo este formato».
Desde a tenda Cisne de Boiro mesmo sinalan que cada vez son máis as persoas que se achegan para mirar: «Á xente gústalle vir, tocar os libros e ler as sinopses, sobre todo as novidades».