
Sons camiñando por unha fronde de carballos e árbores esfolladas
28 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un son, esa foi a escusa. Unha voz que reclamou dende o ventre do bosque de carballos. A fraga, unha das últimas que estende cerca de nós a súa ramaxe de árbores esfolladas. No seu tempo, un camiño atravesábaa. Hogano, o que resta do carreiro é apenas unha ferida que discorre a carón dun regato de curso sinuoso. Mais, co alagar da invernía, o ímpeto da auga converte o arroio en torrente deslinguado. E ese día un nubeiro de chumbo cubría a ría, o ballón a caer oblicuo enriba da Vila. O temporal entraba do poñente, velaí a promesa do prognóstico. Así e todo, co val ao resgardo da ventada e a humedén do meu alento a embazar a boscaxe aínda en seco, non chovía sobre o monte.
Todo foi enredar na carballeira. Traspasar a porta que abre entre as súas pólas. Pousar as botas con coidado, un son amortecido sobre a ruína aínda viva da capa de follaxe onde pisaba. Pasos cautelosos sobre os milleiros de follas, pingueira zarrapicada como nunha obra de Pollock. Buliga e encalma a broza atoleirada, un murmurio o compás do vento que a encirra. Comungan as miñas pegadas co tuk tuk tuk do picapau grande que xorde do máis mesto; o tuk tuk do peto real e, de seguido, o seu tamborilar sobre un madeiro. O klu sonoro e repetido do cabalo rinchón resoa da banda de Vilaboa. Klüh-klüh-klü-klü-klü-klü o asubío do peto verdeal, sonoro e explosivo, un agudo de punteiro...
Tolemia
Poida que si, que abril sexa o máis duro de todos os meses. Mais este marzal trouxo a tolemia á miña cabeza coas notas dos seus cantos e chamadas, cos seus ecos e reverberacións. O que buscaba non era o piit piit piit como afrautado do máis pequeno de todos os picapaus, esa ave diminuta de apenas o tamaño do puño dun cativo. Tampouco o nervioso kick kück-kück do picapau mediano, un habitante de forestas maduras que habería de buscar entre os troncos podres e a madeira morta das montañas do Cantábrico.
O meu camiño discorría nunha fronde de carballos, non entre os toros dun faial; imposible o baiück baiü-baiück que amosase a presenza dun picapau de dorso branco, afastados os vales pirenaicos onde aínda sobreviven unhas poucas ducias de parellas.
Daquela agardei con paciencia nun clareiro onde abrollaban os amentos duns salgueiros. Agardei, si, por un voo directo, vacilante; por un krrück krrück krrück revelador. Logo, cando pousase, sentiría a estridencia do seu kliii-eh. E si, entón escoitei unha risada sibilante, unha risa en todo diferente á do peto verdeal. Na espesura estalou un queixume. Un kui-kui territorial como o dun peto negro. Kuihhh kui kui-kui kui-kui kui-kui. E foi aí cando xurdiu de entre o mato unha figura ataviada con roupaxe escura, tal unha sombra, sobre o curuto o que parecía unha chapela vermella. O seu, un andar coma se non levase canda si un rumbo posto. No seu rostro, un sorriso pequeno, un cantar delgado a adozar a paisaxe. Esperaba que non falase, que nin mirase cara a min. Ou, de facelo, que pronunciase un aupa! Que apenas dixese kaixo! Porén, o vocábulo que emitiu e que non son quen de repetir, cun u a rematar o medio feixe de sílabas, alumearon coma ouveo de pandeiro o hálito do bosque.
De entre o mato xurdiu unha figura ataviada con roupaxe escura cunha chapela vermella