A Pobra celebra as Letras Galegas con música, literatura e a estrea dunha curtametraxe

M. X. B.

BARBANZA

cedida

Fernando Tato presentará o día 23 «Adeus, Berta», unha historia que transcorre na vila

06 may 2025 . Actualizado a las 13:46 h.

O Concello da Pobra festexará as Letras Galegas con exposicións, teatro, presentacións de libros e discos, música e baile. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou a programación, destacando, como obxectivo, «ofrecer propostas pertencentes a todos os xéneros culturais e dirixidas a veciños de todas as idades». As propostas comezarán este venres e prolongaranse ata o día 30.

A primeira correrá a cargo do alumnado da escola Fernández Varela coa súa exposición Da Pobra para o mundo, que será inaugurada ás 12.30 na casa de cultura Raquel Fernández Soler. Ese mesmo día, ás 21.00 horas, no cine Elma proxectarase a longametraxe As neves. A oferta cultural continuará o día 15 co xogo Coa voz en festa, a cargo de Barafunda Animación, que se desenvolverá de 10.00 a 13.00 polas prazas e rúas da vila.

O 16, o teatro Elma acollerá a presentación do libro-disco Fremosas. Cantigas de amigo e de amor, do grupo Barahúnda. Trátase do quinto traballo da banda e, nel, reúnense as cantigas que foron creando ao longo dos anos, así como outras pezas compostas especialmente para este disco.

No propio Día das Letras Galegas, o Concello daralle todo o protagonismo ás agrupacións culturais da Pobra. A través da actividade Pola vila, de remudas, as asociacións Arrancadeira, Xiada e Eiradela encherán as rúas de música e baile tradicional. A actividade celebrarase de 12.30 a 14.30 horas.

A do 23 será unha xornada de estrea. Os veciños poderán visionar no Elma (19.30) a curtametraxe Adeus, Berta, de Fernando Tato. Tamén haberá un faladoiro co director e con membros do equipo de produción, cóctel, DJ e sesión de fotos.

O programa cultural pecharase o 30 coa presentación do libro gañador do sétimo Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro: Cando o mundo é azul, de Óscar Reboiras.