Airiños reúne a Mercedes Peón, Nove Noel, Elena Ferro, Mónica de Nut e Nico Elsker en Asados
BARBANZA

A compalía de teatro celebrou a segunda edición da Mesa de Creadoras no marco das Veladas de Primavera
01 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Comeza a ser xa tradición que o grupo de teatro Airiños celebre as súas Veladas de Primavera, unhas xornadas que enchen a parroquia rianxeira de Asados de cultura en maiúsculas. A Festa das Letras Vivas do pasado 10 de maio, todo un éxito de participación, foi a primeira cita deste ano, e onte tivo lugar a segunda: unha nova edición da Mesa de Creadoras, que reuniu a Mercedes Peón, Mónica de Nut, Nove Noel, Nico Elsker e Elena Ferro.
Os propios organizadores da cita recoñecían antes da súa celebración que non sabían que podía saír de xuntar nun mesmo coloquio ao drag king Nico Elsker como representante das artes escénicas; á zoqueira artesá Elena Ferro (Eferro); ao muralista Nove Noel e ás cantantes Mónica de Nut e Mercedes Peón, pero como cabía esperar o resultado non defraudou.
Os protagonistas falaron sobre arte, sobre onde nace a creatividade e sobre as súas propias experiencias durante un coloquio cheo de risas e emoción que deixou ao público asistente cun sorriso e bo sabor de boca. Coma todo o que fai Airiños.