
A obra do rianxeiro leva por título «Cando o mundo é azul»
31 may 2025 . Actualizado a las 13:53 h.Cando o mundo é azul é o título do traballo co que o escritor rianxeiro Óscar Reboiras conquistou o sétimo Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, que impulsan o Concello da Pobra, a Editorial Galaxia e a asociación Barbantia. O autor tivo a oportunidade de presentar este libro diante dun grupo de alumnos de primaria do colexio Salustiano Rey Eiras, nun acto ao que se celebrou no auditorio da biblioteca municipal.
A obra ten como fío condutor a historia dunha nai e do seu fillo que van recuperando a figura dun avó ausente, unha narración salpicada de alusións á diversidade, o amor, a interxeracionalidade e a redención. Así o definiu a concelleira de Cultura pobrense, Patricia Lojo, que recoñeceu que son temas difíciles de falar cos nenos, pero «cuxo tratamento se facilita a través de libros coma o que hoxe presentamos».
A representante municipal, que estivo acompañada polo propia autor, así como por Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia, e María Jesús Blanco, presidenta de Barbantia, apuntou que o certame literario Carlos Mosteiro converteuse nun concurso de referencia no sector da literatura infantil e xuvenil.
O galardón está dotado dun premio de 3.000 euros en metálico ademais da súa publicación na colección Árbore da editorial Galaxia.