A sonense Ánxela Franco segue moi viva na memoria colectiva

María López García
maría lópez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

O BNG homenaxeou á exconcelleira e exdeputada, falecida hai seis anos

01 jun 2025 . Actualizado a las 18:52 h.

Cúmprense seis anos desde que o BNG da bisbarra perdese a un dos seus puntais. Ánxela Franco falecía un 2 de xuño de 2019 aos 57 anos a consecuencia dunha repentina enfermidade, pero a súa estela segue a estar moi presente na memoria colectiva. Así o demostraron os compañeiros de partido tanto da comarca de Muros e Noia coma do Barbanza nun emotivo acto de homenaxe ao carón da súa tumba no cemiterio de Caamaño, onde un gaiteiro tocou o himno galego mentres a deputada autonómica Rosana Pérez e o voceiro do BNG en Porto do Son, Balbino González, realizaban a ofrenda floral.

A parlamentaria pobrense lamentou que «non é verdade iso que nos din de que o tempo o cura todo», pois «seguímola a botar de menos». Pérez tamén recordou a Plácido Betanzos e aproveitou a intervención para apelar á unidade interna do partido, xa que «por riba das diferenzas está ese fío condutor que nos une, que é a defensa do noso país».

Ademais da deputada do Parlamento galego e do portavoz municipal no Son, tamén pronunciou unhas palabras a coordinadora comarcal do Bloque, Sol Agra, para lembrar á exconcelleira: «Ánxela era unha das boas e xenerosas e o BNG nunca a esquecerá. Foi unha muller que vivía para a xente a través da súa militancia nun partido que traballa para a xente. Pasou por todos os cargos: afiliada, militante, concelleira, portavoz, foi tamén responsable comarcal e deputada, como o son eu neste momento, e en cada un destes cargos puxo todo o seu corazón, a súa cabeza e o seu tempo».