Tres colexios de Barbanza, entre os premiados no Olloboi

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Os institutos Virxe do Mar e A Cachada coláronse na relación de galardoados, ao igual que o CEIP Santa María do Castro

07 jun 2025 . Actualizado a las 16:00 h.

A festa do cine escolar regresou a Boiro para cumprir, como en edicións anteriores, a dobre misión de crear canteira audiovisual e de recoñecer o esforzo que realizan neste eido os centros educativos. Na súa gala de entrega de premios, o Olloboi distinguiu a dúas escolas de Barbanza: o IES Virxe do Mar de Noia e o colexio de Santa María do Castro.

Os noieses erixíronse co primeiro premio na categoría dirixida a estudantes de bacharelato e ciclos formativos pola peza Reading odissey; na que o xurado decidiu conceder dous segundos postos que se adxudicaron os traballos chegados desde o IES Blanco Amor de Culleredo Segundos eternos e Su otro reflejo.

Pola súa banda, o CEIP Santa María do Castro quedou segundo na categoría Peque con Máxica. Neste caso, o máximo galardón foi para o colexio da Torre-Cela de Bueu pola curta Conexión.

Entre os galardóns que se entregaron na tarde do venres na Abadía de San Enrique destacou o Plus18, que foi para un grupo da Universidade de Vigo que concorreu ao certame con En el valle de la perseverancia, e o que se levou a Fundación Zaragüeta Zulaica de San Sebastián na categoría para alumnos de ESO con La pieza que falta. Os artífices desta curta desprazados a Boiro recibiron con gran ledicia a decisión do xurado, que lle concedeu o segundo posto aos institutos Blanco Amor e Rego de Trabe.

A lista de recoñecementos pechouse co CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, que gañou o Premio 2030 e tamén se erixiu vencedor da sección Muchachada, neste caso compartindo o galardón cun centro local, o IES A Cachada.

A gala final

Foi precisamente a confección das curtas que concorreron nesta última sección a que abriu a gala final do Olloboi. Alumnos de catro centros educativos galegos percorreron diferentes escenarios de Boiro acompañados de profesionais do sector audiovisual para crear pequenas pezas dun máximo de catro minutos de duración. A proxección destes traballos, aos que se sumaron outros elaborados previamente polas escolas de primaria boirenses, deu pola tarde a saída á cerimonia de entrega de premios desta edición do festival.

Os actores Federico Pérez e Sabela Hermida exerceron de presentadores da gala e foron dándolle paso a compañeiros do sector audiovisual para que entregaran os diferentes galardóns. Ao escenario tamén subiu o rexedor local, José Ramón Romero, que aproveitou para brindarlle o seu apoio ao festival de cara a futuras edicións, situándoo como un referente a nivel Galicia polo colectivo ao que vai dirixido, os estudantes.

A xornada culminou nun ambiente lúdico, que contribuíron a crear as cantareiras Mar de Cabo e a gran paella mariñeira cociñada no lugar.