Viaxeiros a pé

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

18 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Camiñar ten moitas vantaxes. Non é necesario un grande equipo para poder comezar a actividade. Nin caro. Hai zapatillas de bo material a prezos moi razoábeis, e Barbanza conta con tendas de deportes con moita calidade e persoal disposto a asesorar sobre as características dun calzado ou doutro. O que non se pode mercar é a vontade de saír a rúa, á praia ou ao monte e xerar unha disciplina que implique mellorar as diferentes capacidades coas que contamos os seres humanos para efectuar un exercicio, que equilibrará os nosos indicadores de saúde.

O contacto co sol, a natureza, terra e mar engade outro factor non menos importante: relacionarse con persoas como ti, viaxeiros a pé que encontras nese camiño transitado por outros cos que se comparten intereses, ou non, pero fan o que ti estás a facer. Os camiñantes teñen unha orixe e procuran unha meta. A chegada a ela expresa que ese camiño xa se andou.

A semana pasada, un grupo de dez peregrinos procedentes de Zaragoza, Huesca e Somport, abríanse paso entre a maleza pola Graña, Carreira, na procura da tumba do apóstolo. Chegaran o día anterior a Corrubedo polo serán, onde cearan e durmiran, para saír a mañá seguinte cara a Aguiño.

Asombrados pola beleza do Camiño, non daba creto por non ser esta ruta máis coñecida e preguntaban por lugares onde xantar, onde poder tomar un café e repoñer forzas, horarios de transportes a diferentes lugares para seguir coñecendo a comarca. Estaban cansos, pero contentos por descubrir un novo camiño que os levará a axeonllarse diante de aquel apóstolo decapitado, natural de Bethseda, Palestina.