Concello de Ribeira e Consello da Cultura Galega firman un protocolo de colaboración
BARBANZA

A primeira actividade será o 3 de xullo, cunha xornada de tradición marítima
19 jun 2025 . Actualizado a las 18:01 h.Co obxectivo de facer actuacións conxuntas, o Concello de Ribeira e o Consello da Cultura Galega asinaron un convenio de colaboración. No acto estiveron presentes o rexedor, Luís Pérez Barral; a presidenta da entidade, Rosario Álvarez, o tenente de alcalde Vicente Mariño de Bricio e o xerente do consello, Marcelino Fernández.
Pérez Barral agradeceu a boa disposición de Rosario Álvarez para que «Ribeira poda acoller actividades culturais de primeiro nivel». Destacou que o goberno local quere potenciar a lingua galega e «facilitar xornadas formativas dirixidas a toda a veciñanza, independentemente da súa idade ou formación».
Pola súa banda, Rosario Álvarez salientou que a cultura non só é humanística, tamén científica, tecnolóxica: «É un dereito para todas as persoas». Referiuse á cultura mariñeira e ao patrimonio material e inmaterial da costa indicando que posiblemente sexa un dos que están máis en risco. A presidenta preguntouse onde está o patrimonio industrial construído en Galicia no século XVII.
Xornada marítima
Referíndose a Ribeira, Rosario Álvarez considera que pode ser un lugar idóneo para convertela nunha especie de capital da recuperación da cultura marítima dese patrimonio.
A este respecto, dixo que «queremos comezar esta colaboración cunha xornada de cultura marítima o vindeiro 3 de xullo». Explicou que estará dedicada aos oficios no mar, poñendo o foco nos carpinteiros de ribeira, nos redeiros e redeiras. A colaboración terá unha programación conxunta de actividades.