Ribeira reforza a cultura mariñeira nun Encontro de Embarcacións de récord

BARBANZA














































































































O presidente de Culturmar destacou que en tódalas actividades se completou o aforo e que a participación de barcos acadou o limiar máximo
21 jul 2025 . Actualizado a las 20:32 h.O vento destes días viaxa no porto de Ribeira con verbas en irlandés, galego, francés, catalán ou vasco, expoñente da enriquecedora mestura dun Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que levantou onte amarras reforzando a cultura mariñeira dos anfitrións e de todos os que viven cara ao mar. A un dos pantaláns chega o xeiteiro Illa de Toralla, patroneado por Alberto Alonso, quen asegura que, pola súa experiencia, a ribeirense é a cita que máis naves congregou. Ninguén mellor para coñecer o dato que o presidente de Culturmar, José Luis Sacau, quen comenta que o nivel de participación «acadou o limiar máximo».
Destaca o éxito do encontro e comenta a elevada asistencia ao completarse e, incluso superarse, o aforo en tódalas actividades. Sacau pon en valor especialmente a implicación dos voluntarios, entendendo por estes tanto os que fan posible a organización como as asociacións participantes e as tripulacións.
Ribeira, acostumada ao desembarco de profesionais chegados dos lugares máis dispares e cun significativo número de veciños que percorreron os tódolos océanos, foi estes días terra de acollida. Dunha embarcación procedente de Vigo báixase Adrián Valbuena, que forma parte da tripulación mallorquina do Regio, un bote de vela latina. Explica que é a primeira vez que asiste a un Encontro de Embarcacións Tradicionais e está encantado.
A só uns pasos, Nieves Vilar e Manuel Parada amarran a súa dorna, Laxe de Boiba. Viñeron o xoves dende O Grove, nunha travesía a vela e remos que lles levou unhas dúas horas. Son persoas experimentadas porque, recalca Nieves, «non nos queda un encontro atrás». Ademais, acostuman a participar en regatas de dornas a vela.
Xunto a rampla do peirao de embarcacións menores, un grupo de cativos a bordo de pequenos botes inícianse na navegación vixiados por monitores. O porto está cheo de xente como nunca. Están os que curiosean, os que asisten a charlas como a que tivo lugar onde pola mañá sobre Estratexias de salvagarda do patrimonio marítimo e aqueles que non dubidan en subirse coa tripulación de algún dos barcos para pasear pola ría de Arousa.
Entre a flota humana que vive o Encontro de Embarcacións Tradicionais, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral. Pasea pola zona na que están os barcos de madeira que son herdanza da cultura mariñeira. Cando se lle pregunta pola súa valoración sobre a cita, afirma que dende o primeiro momento o goberno tivo claro que «era unha oportunidade única». Está satisfeito pola afluencia de participantes e visitantes e por ese reforzo da conexión marítima con Ribeira.