A localidade boirense de Exipto celebra tres días de romaría con sardiñada incluída

BARBANZA

cedida

Triángulo de Amor Bizarro, Duendeneta e Atenas, entre os grupos que animarán a festa

25 jul 2025 . Actualizado a las 10:07 h.

O Concello de Boiro colabora coa comisión de festas de Exipto nunha nova edición da súa tradicional romaría que se recuperou no ano 2024. A concelleira de Cultura, María Outeiral, participou na presentación do programa xunto con Rita Rodríguez, presidenta, e outros membros da comisión. As actividades comezarán o 1 de agosto coa subida dos santos da igrexa de Abanqueiro á capela da localidade e cunha misa ás 20.30 horas. A partir das 21.00 terá lugar o festival O Retumbar da Telleira que inclúe o espectáculo infantil Ghop de Teatro ao Cubo; os concertos de King Sapo e Triángulo de Amor Bizarro; e sesión disco con Curi e Soundivan.

O sábado, o programa comezará coas alboradas a cargo de Ar de Loureda e Arume, un mercado ecolóxico na contorna da capela de Exipto e animación infantil. Ás 12.00 terá lugar a misa na honra de Santo Antonio, seguida dunha sardiñada amenizada por Duendeneta e Paparota Hardcore. Pola tarde haberá torneo de birlos e pachanga do 40 aniversario do Abanqueiro e, pola noite, verbena con grupo Atenas e Duendeneta.

A xornada do domingo comezará ao son de O Ar de Loureda, Arume e Garandoiro. Ese día haberá misas na honra da Virxe de Exipto ás 9.00, 10.00, 11.00 e 12.00 horas, esta última con procesión incluída. De animar a sesión vermú encargarase La Mosca Valiente, mentres que a música da romaría correrá a cargo de O Ar de Loureda e Home Orquestra. Pola noite, o fin de festa chegará co concerto de Ajencia Trivutaria e Cabina Mobil.