
O escritor Óscar Reboiras foi o encargado de inaugurar as xornadas
24 jul 2025 . Actualizado a las 21:02 h.Mergullarse no apaixonante mundo da literatura é posible estes días en Rianxo, vila que dá cabida a unha nova edición da Feira do Libro. Sete establecementos especializados ofrecen todo tipo de volumes cun 10 % de desconto no seu prezo, ao tempo que reciben a visita de escritores dispostos a conversar cos lectores e a asinar exemplares.
A cita literaria, que se celebra baixo o lema Onde florecen os libros, foi inaugurada este xoves, no marco dun acto que contou coa presenza dunha pluma local, Óscar Reboiras. Tamén participaron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Óscar Porral, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; e Julián Bustelo, rexedor local.
A feira permanecerá aberta ata a noite do domingo, de 11.00 a 14.00 e entre as 18.00 e as 22.00 horas, acollendo unha serie de actividades paralelas. Para mañá están previstas as visitas dos escritores Alba López Paredes (12.00 a 18.30), Rober Cagiao (121.00), Cristina Olea (12.00), Antía Martín Mosquera (18.30) e Eduardo Estévez (20.00). Tamén regresará Óscar Reboiras para asinar exemplares de El caso Salgueiro e Cando o mundo é azul. Estará ás 20.00 en Libraría Cándido.