O certame Carlos Mosteiro outorgará 3.000 euros á mellor obra inédita da literatura infantil
BARBANZA

Os traballos deben estar escritos en galego e dirixidos a un público de entre 8 e 12 anos
05 sep 2025 . Actualizado a las 20:28 h.O Premio Carlos Mosteiro chega á súa oitava edición grazas á colaboración entre o Concello da Pobra, a asociación Barbantia e a editorial Galaxia, que únense de novo para fomentar a literatura infantil en galego. O gañador recibirá unha dotación económica de 3.000 euros e poderá publicar o seu traballo na colección Árbore.
A concelleira pobrense de Cultura, Patricia Lojo, acompañada da presidenta de Barbantia, Chus Blanco, e do director de Edicións de Galaxia, Marcos Calveiro, sinalou que a iniciativa ten un dobre obxectivo: «Por unha banda, queremos promover a cultura na nosa lingua, dándolles a novos autores e autoras a oportunidade de dar a coñecer o seu traballo e, pola outra, queremos que este galardón continúe sendo unha homenaxe a Xosé Carlos Mosteiro Fraga, veciño e mestre durante anos no CEP Pilar Maestú Sierra».
A convocatoria está aberta a obras orixinais en lingua galega dirixidas a nenos de entre 8 e 12 anos. Os traballos deben ser inéditos en todos os formatos e non poden ter sido premiados anteriormente en ningún certame. A extensión ten que estar comprendida entre os 50.000 e os 150.000 caracteres, aínda que o xurado poderá ser flexible neste aspecto conforme á calidade do escrito.
As candidaturas poden presentarse ata o 1 de novembro tanto en papel como en formato dixital. Neste último suposto deberán entregarse preferiblemente nun soporte USB no Rexistro Xeral do Concello ou a través do correo premioliterario.cultura@apobra.gal.
O xurado estará formado por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito da literatura infantil.