
Éhabitual que en Galicia se constrúan edificios con terrazas exteriores, sobre todo en áticos ou espazos baixo cuberta. O que tamén é habitual é que, co paso dos anos, esas terrazas acaben dando problemas de filtracións de auga. A solución máis recorrente adoita ser pechalas con aluminio e vidro, gañando así superficie útil na vivenda, pero xerando ao mesmo tempo unha paisaxe urbana desordenada.
Moitos plans urbanísticos permiten edificacións de varias plantas «e baixo cuberta ou ático», mais sen concretar como deben ser eses espazos: con terraza ou sen ela. Os plans máis antigos incluso incluían debuxos que definían a súa forma. Mais en todos os casos semella ignorarse unha realidade evidente: o clima galego. Aquí chove dous terzos do ano, as terrazas acumulan lixo, requiren mantemento constante e, tarde ou cedo, acaban filtrando auga ao interior das casas.
A pregunta é inevitable: se coñecemos este problema, por que se seguen permitindo? Por que a Xunta non intervén? Máis aínda cando a terraza non forma parte da tradición arquitectónica galega, senón doutras rexións máis soleadas, onde a súa utilización resulta coherente. Desde unha perspectiva de sentido común, as terrazas en Galicia deberían limitarse ao mínimo, e no caso de autorizarse, con condicións claras: nunca poder pechalas posteriormente. Só así evitariamos o desleixo actual, no que cada quen resolve pola súa conta, pechando como pode ou lle convén, e transformando as nosas cidades nun mosaico improvisado, un auténtico patchwork urbano que deteriora aínda máis a paisaxe construída.