A vila vai petar coa procesión e a Panorama

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

O desfile das mortallas é o que lle da ás festas a condición de interese turístico xa que participan milleiros de persoas, moitas ofrecidas ao santo

22 sep 2025 . Actualizado a las 14:34 h.

RIBEIRA / LA VOZ

domingo das festas do Nazareno da Pobra sempre está garantida a asistencia dunha multitude de xente procedente de toda Galicia e incluso de fóra, polo poder de convocatoria que ten o santo, ao que se acude para pedir pola vida ou para agradecer por tela salvado, pero tamén porque a procesión é un espectáculo de fe emocionante e estremecedor polo desfile das caixas de mortos. Mais nesta ocasión, hai outro polo máis de atracción, porque a xornada central das celebracións pecharase con unha verbena da orquestra Panorama, considerada hoxe en día, como a mellor de Galicia.

9.00 Como manda a tradición, o terceiro domingo de setembro as celebracións na honra do Nazareno empezan cedo, co lanzamento das 21 bombas de palenque regulamentarias.

10.00 Pero será unha hora máis tarde cando se dea por aberto o programa coa entrada na vila de tres bandas e dous grupos de gaitas. Trátase das bandas de música da Escuela Naval Militar de Marín, do Ateneo Musical da Pobra e de Gaitas Buxaina de Taragoña; e os grupos de gaitas O Son do Pote e Xiada.

10.30 Do templo parroquial de Santiago do Deán sairá a procesión votiva das Mortallas, acto central das festas e motivo de que estas estean consideradas de interese turístico de Galicia. As agrupacións musicais que entraron na vila sumaranse ao desfile relixioso, do que tamén formarán parte as autoridades locais e foráneas convidadas. Se nada o impide en forma de mal tempo, milleiros de persoas acompañarán a imaxe do Nazareno, algunhas ofrecidas coa vestimenta morada e incluso con caixas de defuntos. Á entrada no barrio de A Covecha, no cruce do peirao e da Curota, os veciños desta zona sempre reciben ao santo con bombas que van subindo de intensidade a medida que penetra no barrio, e cando chega fronte á rampla, párase e lánzase unha potente traca. Unha vez que o Nazareno chega á igrexa ten un lugar unha misa cantada.

13.00 Nos xardíns de Valle-Inclán, as agrupacións musicais ofrecerán concertos.

18.30 Volve a música tralo xantar, a cargo do grupo de gaitas O Son do Pote, que fará un pasarrúas.

20.00 Outro concerto nos xardíns, pola Banda de Música Ateneo Musical da Pobra.

21.00 Na praza Alcalde Segundo Durán, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos ofrece outra actuación.

23.00 E para pechar ao grande, verbena coa Panorama.

O

O Nazareno oriéntase cara a rampla da Covecha cando se lanza a traca. FOTo marcos creo