Coñecer historia serve para moitas cousas
24 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Coñecer historia serve para moitas cousas. Unha pouco considerada é a posibilidade de ver o presente en perspectiva.
Así vemos como pouco a pouco chegamos a un trebón perfecto derivado das contradicións do sistema. A desmemoria dos desastres do século XX estanos a conducir ao autoritarismo, co que moita xente coquetea dun xeito supostamente inocente, como se fixo coas ideoloxías totalitarias dos anos 30.
Cando vexamos a presidencia de Donald Trump dentro dunhas décadas preguntarémonos como tal puido pasar diante dos nosos ollos nunha sociedade que parecía ter un pouco máis de sentidiño.
O voto nas democracias liberais estase a converter nun burdo like de redes sociais, irresponsable e perigoso, pero ninguén sabe como facer fronte a este problema preservando a esencia da liberdade e da propia democracia.
As sociedades perden cohesión interna: xa non só entre clases sociais, senón nunha nova fractura que algúns irresponsables de dereita e esquerda alentan: a tensión xeracional entre os maiores que gozan de maior esperanza de vida e o capital dunha vida de traballo e a xente nova que atopa teitos que os seus pais non tiveron.
Os vellos equilibrios territoriais crébanse coma en 1914, imponse a política dos matóns en Gaza e vemos a Rusia facendo amagos sobre os territorios da Alianza co aplauso silencioso de quen debera estar a defender valores que se nos escapan. Urxe un novo modelo que pare os pés a esta deriva. Pero ninguén quere perder nin un centímetro nin ver máis alá de si mesmo.