Arte que reta á IA exaltando os procesos artesanais e a natureza

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmen Hermo expón no Museo do Gravado de Artes unha mostra que aposta pola creación sensible e menos mecanizada

06 oct 2025 . Actualizado a las 14:20 h.

A revolución tecnolóxica é imparable e chega a todos os eidos incluído o artístico. Sobre as súas consecuencias, a incerteza que esperta e a resposta que debe dar a humanidade reflexiona Carmen Hermo en A pegada sensible, a exposición que este sábado abriu as súas portas no Museo do Gravado de Artes, onde permanecerá ata o 4 de decembro.

A propia artista explicou o contido da colección que amosa referíndose ao punto de partida: «A intelixencia artificial está aí e non podemos obviala, senón que temos que facela parte de nós». Fronte ao seu avance imparable, avogou por promover unha forma de arte máis sensible, menos mecanizada. Así, na súa proposta, Carmen Hermo volve á natureza, aos ritmos creativos da auga e do vento, a unha formulación máis sensible: «Os humanos deixamos pegada, pero precisamos que esa pegada sexa máis sensible, que non teña tanto impacto no medio, precisamos ter unha pegada máis feminina, porque o feminismo ecolóxico está aí».

O director do centro artístico ribeirense, Xoán Pastor Rodríguez, afondou no contido da exposición explicando as cinco partes que a integran e que teñen como punto de partida a praia de Foxos, en Pontevedra. Así, referiuse a Galaxia, que amosa as formas do areal: «A artista logra as pegadas esenciais por medio da técnica do frottage». Logo falou de Auga, «papel con tintas no que vemos o caos do ecosistema mariño». Seguindo con Océanos, «que nos levan a imaxinar a través do papel as sombras, as formas, as pegadas»; e con Pedras, que reflicten a volta ás orixes, ao natural co emprego da tinta chinesa. E finalizou con Nacer, parte na que a artista empregou un programa de modelado 3D.

«A artista logra resultados anovadores que obrigan á nosa sensibilidade a recoñecer o mundo da estampa, mais tamén o mundo natural, en perpetua creación», concluíu Rodríguez.

O acto de inauguración contou coa presenza do presidente da fundación que xestiona o museo e alcalde de Ribeira, Luís Pérez, que lle agradeceu a Carmen Hermo que trasladara o seu obradoiro «á praia, ao contacto directo co mar, coa area, coa auga», para convidar desde aí ao público «a escoitar a natureza, a sentir os elementos, a recoñecer as marcas sutís que, ao tocar, moldan e transforman sen imposicións agresivas».

Pola súa banda, o fundador do Museo do Gravado de Artes, Javier Expósito, aproveitou o feito de atoparse diante dunha protagonista feminina para reivindicar unha maior presenza das mulleres no conxunto de actividades que promove o centro.