
A especialidade en urbanismo na que me formei inclúe materias como a xardinaría e a paisaxe, e serviume para fixarme nos lugares que vou que árbores hai plantados. É un exercicio moi útil para detectar erros na escolla das árbores.
Así como no borde do mar a máis resistente é o tamariz, famoso por unha canción hispana, a máis abundante nos centros urbanos é o plátano de sombra, de nome técnico platanus hispanica. Podémola ver no Campo de Arriba de Rianxo, na Praza da Constitución de Cee, en Ribeira ou en Carballo. Conforman espazos aos que chamamos alamedas —aínda que non teñan álamos—, ou tamén espolóns. Son tamén famosas as alamedas de Compostela, Ourense ou Ferrol, ou o propio espolón de Padrón, onde estas árbores locen o espazo e convérteno nun fito urbano de gran interese e zona de encontro.
Antigamente, case todas as estradas estaban flanqueadas delas nas entradas das vilas e cidades, a ámbolos dous lados do asfalto. Coa ampliación delas, ao contrario do que fan en Francia que a desdobran, aquí cortaron as árbores, perdéndose a identidade do lugar.
É unha árbore moi resistente, de folla caduca, que permite a súa poda e enxerto entre varios exemplares formando bóvedas vexetais que configuran espazos moi agradables nos veráns, cunha temperatura e microclima que o fan especial para o paseo, para o xogo ou para a relación entre as persoas.
Hai cidades como Burgos onde non as podan e acadan alturas infinitas, algo que en Galicia non vemos con bos ollos, porque temos certa arborefobia e medo a que nos entren bichos polas xanelas e balcóns.