Son unha vintena os bens do Barbanza cunha declaración específica como BIC
19 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Galicia acolle na actualidade uns 800 bens que forman parte do noso patrimonio cultural, recoñecidos oficialmente como Bens de Interese Cultural (BIC). Esta categoría, que hoxe en día goza de protección legal, foi configurándose ao longo de máis dun século, aínda que os bens foron denominados de xeitos diversos segundo a época: monumentos, monumentos nacionais ou monumentos histórico-artísticos.
A primeira declaración como monumento en Galicia remóntase a 1895, coas ruínas do convento de San Domingos de Pontevedra. No Barbanza, esta protección non chegou ata 1931, coa igrexa de San Martiño de Noia. A partir de entón, especialmente nos anos setenta, vivíronse momentos de especial impulso: en 1973 foron recoñecidos o pazo de Martelo en Rianxo, a Santa María A Nova en Noia e a Torre Bermúdez na Pobra.
Xa coa chegada da democracia, ampliouse a protección a elementos do patrimonio arqueolóxico. Así, en 1978 foi declarado BIC o dolmen de Axeitos en Ribeira, seguido da Torre de Xunqueiras na Pobra en 1981. O último ben incorporado á lista foi o arquipélago de Sálvora, recoñecido en 2018 como Paisaxe Cultural, unha das nove categorías existentes (monumento, conxunto histórico, paisaxe cultural, territorio histórico, zona arqueolóxica, xardín histórico, vías culturais,…).
Segundo os datos dispoñibles, son unha vintena os bens do Barbanza cunha declaración específica como BIC. A maiores, existen varios centos que, aínda sen declaración individual, teñen esta consideración por cumprir criterios legais.
Pero queda moito por facer. As declaracións non poden ser un brinde ao sol nin papel mollado: deben ir acompañadas de medidas concretas de protección, divulgación e posta en valor. Apostar polo patrimonio é tamén apostar polas humanidades nun mundo cada vez máis tecnolóxico, pero perigosamente menos humanizado. Cómpre integrar o patrimonio na educación, na cultura e na vida cotiá. O patrimonio cultural é unha herdanza que nos define. Preservalo é deber colectivo. De nós depende. É tempo de actuar!.