A infancia dos chamados boomers nas vilas galegas foi moi distinta da dos millennials ou da xeración Z
21 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A infancia dos chamados boomers nas vilas galegas foi moi distinta da dos millennials ou da xeración Z, e cómpre reflexionar sobre a evolución da nosa sociedade e mesmo da nosa especie nestes últimos cincuenta anos. Recordo que, a apenas douscentos metros da miña casa, había unha fábrica de gasosas, como acontecía en moitas vilas e cidades. O meu avó ía cada semana co carro a levar a caixa das botellas baleiras e traía outra chea.
Era unha auténtica economía circular: sen desperdicios, sen transporte a longas distancias, sen envoltorios inútiles. A contaminación apenas existía. O comercio local sustentaba a vida cotiá, e os cartos daban voltas pola vila sen saír dela, sen que os bancos os cheiraran nin que multinacionais fixesen caixa co noso consumo.
Hoxe todo é distinto, e non só por cuestións de dixitalización ou pola falta de reciclaxe real. Xa non se beben gasosas locais, senón produtos globais, fabricados en lugares afastados, que mercamos en establecementos alleos. Chegan en envases que rematan no contedor, transportados en camións contaminantes. Do súper á casa, en bolsas plásticas que, mesmo pagando unha taxa, acaban no lixo.
Por iso, todo o que nos repiten sobre ecoloxía, eficiencia enerxética ou economía circular soa a propaganda, a un discurso para lavar a cara dos magnates que viven desta maquinaria. Moi lonxe daquela verdadeira economía local e circular que rexía, con humildade e sentido común, hai medio século. Hai que recuperar prácticas locais, apoiar produtores, fomentar o comercio de proximidade e cambiar políticas para o ben común do noso pobo.