Mercar historias

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Escultura de Valle-Inclán en A Pobra
Escultura de Valle-Inclán en A Pobra CARMELA QUEIJEIRO

Valle inventou unha Galicia de pazos góticos, fidalgos decadentes e labregos brutáns e incestuosos que lle funcionou moi ben

22 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lía o outro día a entrevista deste xornal a Francisco Charlín, biógrafo dos primeiros anos de Ramón María del Valle-Inclán.

Charlín estudou como o creador do esperpento inventou o seu pasado. Criouse nunha familia acomodada e burguesa, conectada coa industria conserveira en vilas e cidades ao redor dun dos polos económicos e industriais da Galicia de altura, a ría de Arousa. Porén, Valle inventou unha Galicia de pazos góticos, fidalgos decadentes e labregos brutáns e incestuosos que lle funcionou moi ben. Xa na altura era unha Galicia irreal. Por que o fixo?

Pode que como artista precisase construír unha estética propia, pero tamén atopou un nicho de mercado. Cando publiquei un libriño en galego sobre pantasmas, unha representante literaria propúxome reescribilo. En Madrid vendería moi ben unha historia sobre familias en decadencia, pazos e pantasmas, díxome.

Contesteille que era posible, pero que se cadra non funcionaba tanto o xeito no que eu ía abordala. E mentres lle contaba o meu enfoque, sentía como a señora desconectaba da conversa. Bingo, pensei, esta señora quería indíxenas.

Que tería sucedido se o xenio de Valle-Inclán se orientara cara esa burguesía e fidalguía galega de finais do século XIX e o seu encaixe nun novo mundo? Teríase convertido no noso Marcel Proust? E se dona Emilia Pardo Bazán non optase pola súa parecida Galicia brután, podería ter sido a nosa Emily Brönte?

Tiñan todo o talento para poder conseguilo: era soamente unha elección. Pero se cadra esas historias non llas mercaba ninguén. Nin dentro nin fóra.