O cerco

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

Os tres representan unha estampa precisa do significado da arte do cerco actual
Os tres representan unha estampa precisa do significado da arte do cerco actual C. R.

Hoxe os barcos son de ferro cunhas condicións de habitabilidade que non teñen nada que ver co pasado

27 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os tres representan unha estampa precisa do significado da arte do cerco actual e trae a lembranza do que significou desde finais do século XIX e unha parte importante do XX cando o noso litoral estaba repleto de almacéns de salgadura, na comarca barbancesa e na de Noia-Muros. Moitas familias viviron da pesca da sardiña e da anchoa. Aguiño, Ribeira, Rianxo, Portosín, Muros contaron con flotas potentes, tanto en barcos como en dotacións.

Daquela había barcos que levaban 20 ou 30 homes enrolados para largar, recoller e palmear o aparello cando se chegaba o peirao, despois da venda do peixe. Era tanto o peixe que un quilo de sardiña non chegaba a cotizarse a unha peseta cando unha caixa de mixtos xa tiña ese custo. As factorías de fariña de peixe compraban toneladas de esta especie peláxica que as fábricas de conserva rexeitaban polo exceso de demanda. Non eran capaces de conservar tanta produción. Os cerqueiros viñan cheos de peixe case ata cubrir a súa obra morta sen respectar ningunha clase de taxa de captura porque non existía.

Os tempos cambiaron. Hoxe os barcos son de ferro cunhas condicións de habitabilidade que non teñen nada que ver co pasado. A ponte conta con tecnoloxía de vangarda, tal como se pode apreciar polas antenas que locen, guindastres para levantar e palmear o aparello en terra. Portan máis de un aparello para largar conforme o mar onde apareza o cardume. A dotación está composta entre 12 e 14 mariñeiros. Existen cotas de captura, inda que o sector as considere curtas para manter as dotacións, de abordo e de terra formada polas redeiras. O cerco cambiou como tantos outros oficios, o que non cambiou e a ledicia de ver barcos palmeando o aparello no peirao de Aguiño.