Gonzalo Francisco Fernández Suárez: «As Humanidades deben servir para orientar a intelixencia artificial»

Xosé Ricardo Losada

BARBANZA

Abraldes

O taragoñés trata de concienciar sobre a importancia da xestión cultural 

01 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar de que nesta entrevista Gonzalo Francisco Fernández Suárez repite en moitas ocasións a palabra vocación, xa sexa para cualificar a súa paixón pola historia, pola educación ou pola xestión académica e cultural, asume que «non me queda máis remedio que cualificarme de tecnófilo». E a razón que dá define moi ben esa mestura de idealismo e pragmatismo que o caracteriza: «Nos labores de decano, profesor e titor, fago moitas xestións con aplicacións telemáticas e recorro ao campus virtual para impartir aulas, xa na modalidade híbrida, xa na virtual». Pero, ao mesmo tempo, non dubida en recoñecer que «o mellor da educación é ver como se forman e como encarrilan o futuro os/as alumnos/as, e comprobar como, tras rematar os estudos, seguen acordándose de ti». Mesmo valora moito que unha ex-alumna, á que animou nun mal momento académico, lle entregase o agasallo que repartiu entre os convidados da súa voda: «Non se pode ser bo profesor sen ser boa persoa. Honestidade, empatía e un trato moi próximo aos alumnos/as».

Porque Gonzalo é, sobre todo, un namorado da historia, da educación e da xestión cultural, abordados cunha fértil visión holística que deriva da importancia que lle dá ás Humanidades: «Xogan un papel clave na formación integral do individuo, fomentan unha cidadanía crítica e o crecemento persoal, e promoven a comprensión entre diferentes culturas e a cohesión social». E aínda máis, pois cre que non podemos desligarnos do futuro, un futuro que ve con ilusión, pero tamén como ameaza: «As Humanidades deben avaliar o impacto social da intelixencia artificial e facer propostas que a orienten nuns valores éticos acordes coa dignidade humana». Sempre, puntualiza, desde unha actitude de humildade e compromiso público que tamén define a súa personalidade.

Con ese humanismo de fondo, é máis fácil comprender a súa evolución profesional e intelectual. Comezou como historiador, especializándose na Galicia da época moderna, «investigando primeiro sobre unha familia da alta nobreza galega, os Sarmiento, despois sobre a profesión notarial e, finalmente, sobre as institucións educativas da cidade de Lugo». Pero na actualidade céntrase máis na xestión cultural, chegando a coordinar, xunto coa coordinadora do Grupo de Investigación Atalaia da USC, María Dolores Fernández Tilve, o que a Consellería de Educación considerou o primeiro manual de Xestión Cultural existente no mercado, La gestión cultural en la era digital, e do que Gonzalo está moi orgulloso, pois «xa forma parte de moitas bibliotecas universitarias dentro e fóra do Estado español, representando un auténtico referente de aprendizaxe».

De aí que tamén estea interesado en refutar eses prexuízos, socialmente moi estendidos, sobre as poucas saídas laborais das Humanidades, xa que «na actualidade, máis de 700.000 persoas en España, e case sete millóns en Europa, traballan no sector cultural». E non só iso: «É un sector emerxente no que xorden novas necesidades, é dicir, novos traballos». E eses profesionais, «só poden formarse mediante programas educativos deseñados en función das necesidades do sector, tal e como son o Grao en Xestión Cultural e o Máster en Servizos Culturais que ofertamos no campus de Lugo».

E como lle gusta predicar co exemplo, embarcouse en labores de xestión académica, primeiro como vicedecano e coordinador dun título, e agora como decano da Facultade de Humanidades da USC: «Pola miña propia responsabilidade institucional, pois, como docente da USC, considero que coñecer o seu funcionamento representa unha parte fundamental do meu labor». Pero tamén polo alto sentido que ten da responsabilidade social do docente: «Tamén pesou a situación na que estaba a Facultade de Humanidades, o meu compromiso con ela e o desexo de culminar o proxecto de deseño e implantación do Grao en Xestión Cultural». Logro que tamén lle reportou unha gran satisfacción: «Humildemente creo que foi unha decisión acertada porque hoxe temos unha oferta formativa das máis singulares de Galicia e do mapa universitario español».

E falando da universidade tamén se atreve a abordar as frecuentes críticas á USC por endogámica e pouco innovadora: «A USC é unha entidade transparente e aberta aos desafíos da sociedade e comprometida co progreso». E non só porque iso o digan os seus estatutos, senón porque «a miña propia experiencia en cargos e órganos de xestión universitaria confirma esa idea». E como para el é prioritario que as súas palabras correlacionen con feitos, engade: «Tendo en conta o carácter regresivo da demografía galega, é decisiva a entrada de alumnado estranxeiro nos nosos títulos. De feito, na miña facultade contabilizamos doutorandos de dez nacionalidades diferentes. A internacionalización é un obxectivo prioritario». Máis aínda no caso galego: «Tanto pola presenza de comunidades galegas no estranxeiro como por motivos de índole cultural dentro da lusofonía».

De neno, a Gonzalo gustáballe «mergullarme no pasado, paixón que consolidei no Bacharelato e na Universidade». Creo que estaría de acordo comigo en que só desde esa paixón se pode entender a súa teimosía por analizar o presente e mellorar o futuro da humanidade, cando menos no que a el, humildemente, lle compete.

Activista e teórico da xestión cultural

O primeiro que chama a atención cando conversas con Gonzalo é que fala co mesmo entusiasmo do orgullo de ser un cangrexeiro, por nacer na parroquia rianxeira de Taragoña, de ser recoñecido como Gonzalo da Lomba, polo lugar onde naceu, ou de ser das familias dos Herbón Miguéns e dos Liberata, nome de pila dunha matriarca da familia materna, que cando fala de que imparte o Grao de Xestión cultural («único en Galicia e no norte do estado español»), ou de que é coordinador do Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e secretario do Centro de Estudos de Historia da Cidade de Lugo.

Porque foi en Lugo onde acabou asentándose, vital e profesionalmente. Primeiro na capital, onde viviu, e traballa, e despois nunha parroquia de Palas de Rei, San Pedro de Salaia, a cuxos veciños «agradezo que me teñan aceptado como un máis». De feito, quérelle a Lugo como se fose a súa terra natal «porque sempre me sentín integrado, e fixen bos amigos». Aínda así, pódese percibir na súa voz unha sutil emoción cando fala dos seus recordos infantís e adolescentes, ou cando recorda a súa afección a correr polos montes de Taragoña, ou para nadar longas distancias na ría de Arousa.

Doutor en Historia, membro do Grupo de Investigación Atalaia da USC, no que é o principal investigador sobre patrimonio, membro da Rede de Patrimonio Cultural e da Rede de Centros Universitarios de Xestión Cultural e da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, autor de varios libros, activista da protección e difusión do patrimonio documental, conferenciante internacional, avaliador externo e membro de comités editoriais de libros e revistas científicas, un pode imaxinar o feliz que debe sentirse cando, como o bo amante da natureza que recoñece ser, fai sendeirismo por «paraxes de gran beleza como a rota de Cabenca e Cavadosa no concello de Cerdedo-Cotobade acompañado de Ximena, unha mastina de 4 anos adoptada de cachorra nunha protectora». Ou rozando, podando e cultivando na súa horta. Ou indo ver unha desas películas de cine negro ou histórico que tanto desfruta. Ou, por suposto, noutra das súas grandes paixóns, lendo. «As bibliotecas son algo máis que espazos de lecer. Son os depositarios dos saberes primarios de calquera sociedade».