Honorata, a gata de Ánxela Gracián que lle transmite valores ás novas xeracións

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A autora incide no seu novo libro na defensa dos animais, a igualdade de xénero e a importancia da palabra

01 nov 2025 . Actualizado a las 13:26 h.

Coñeceu Ribeira cando tiña 18 anos e, animada por un profesor ecoloxista, se desprazou ata Corrubedo para unirse á loita pola supervivencia da duna coincidindo coa época na que se realizaban extraccións de area. Desde aquela, a escritora de Castroverde (Lugo) Ánxela Gracián está namorada deste recuncho da ría de Arousa, ata o punto de consideralo «un dos lugares máis fermosos da Terra». Non dubidou en afirmalo o venres, cando desembarcou no centro cultural Lustres Rivas convidada pola asociación Barbantia para presentar o seu novo libro: Honorata e a casa das palabras gardadas.

A través de 152 páxinas, a autora busca con esta obra transmitirlle unha serie de valores ás novas xeracións. No feito de animarse a escribir para nenos e mozos incidiu o escritor e editor local Antonio Piñeiro, encargado de presentar á convidada: «Sorpréndeme ver unha obra deste tipo, porque eu teño seis ou sete intentos gardados nos caixóns, pero fun incapaz de rematar ningún».

Piñeiro explicou que coñeceu a Ánxela Gracián nun contexto literario ben diferente, unidos a través do seu proxecto editorial, Bourel, para sacar á luz un libro de poesía. A propia escritora sinalaría despois que ese foi o volume que máis alegrías lle deu ao longo da súa dilatada traxectoria.

Foi outra barbancesa, a rianxeira Marta Neira, profesora e investigadora da USC no eido da Lingua e da Literatura, a que debullou polo miúdo as características da historia de Honorata, unha gata que se embarca nunha viaxe xunto cunha ducia de felinos máis para ofrecerlle aos lectores unha aventura entretida á par que didáctica.

Destacou os valores que a obra traslada aos lectores, entre os que citou a defensa dos animais, a igualdade de xénero, a reivindicación do papel da muller, o respecto polas diferenzas e a importancia de loitar polos soños. A continuación, fixo fincapé na homenaxe que Ánxela Gracián fai «aos mundo do libro, da palabra e da biblioteca»; así como nas numerosas referencias históricas, artísticas e literarias que contén o volume. Engadiu que, pese a tratarse dun relato enfocado cara as novas xeracións, «é de interese para todas aquelas persoas que sintan atracción pola lectura e polo mundo das palabras».

Selo portugués

Catalogado como un libro dirixido ao público infantil e xuvenil, Ánxela Gracián revelou que non se trata dunha lectura fácil, descubrindo que foi rexeitado por varias editoriais. De feito, ve a luz grazas a un selo portugués, Trinta por Uma Linha, á que a escritora lle agradeceu a confianza: «Está apostando por tender pontes para unir as literaturas galega e portuguesa».

Tamén ela incidiu nos valores que persegue promover a través da historia de Honorota, desvelando que están representados en cada un dos gatos que forman parte da aventura: «Cada personaxe representa un deses valores, como a paixón pola historia, a defensa da paz ou a solidariedade, e vai transmitíndoos a través dos diálogos e da forma de actuar».

Sobre a idea de darlle forma a este relato, a escritora explicou que xurdiu cando regresou á vivenda familiar situada en Gracián, unha localidade de Castroverde cuxo nome adoptou Ánxela Rodríguez na súa faceta literaria para resaltar a importancia das raíces: «Miña nai estaba enferma e tiña unha coidadora que acudía cun neno duns 8 anos. Cando súa nai veu a gran biblioteca que eu tiña alí montada faloulle ao rapaz da importancia da lectura e o neno preguntou que era un libro. Eu quixen responder a ese interrogante nesta obra».

Por primeira vez como alcaldesa, pechou a cita mensual de Barbantia María Sampedro, que se referiu á convidada como un referente «por lanzar esta obra dedicada á literatura infantil e xuvenil, por non ter renunciado ao seu estilo aínda sendo menos comercial e polo empeño amosado en transmitirlle valores á mocidade».

Entre as persoas que arrouparon a Ánxela Gracián había un grupo de ribeirenses que foron alumnos dela no programa universitario para maiores.