BNG, Altofalante e Galiza Nova levarán a cabo un magosto popular en Ribeira
BARBANZA
Terá lugar o sábado a partir das 19.30 horas
06 nov 2025 . Actualizado a las 09:38 h.O BNG, a entidade cultural Altofalante e Galiza Nova realizarán o sábado na praza do Concello de Ribeira un magosto poplar aberto a todos dos veciños. Comezará ás 19.30 horas e haberá actividades para todas as idades.
Os detalles da iniciativa foron dados a coñecer polos concelleiros Luís Pérez Barral e Cruz Rivadulla, que estiveron acompañados polo presidente de Altofalante, David Casais. Entre as propostas figuran a presentación do libro infantil O magosto de Brais, do autor ribeirense Jorge Pérez Sampedro.
As oito da tarde, o magosto proseguirá con xogos populares, música do picadiscos Jalaiko e reparto de castañas. Para as nove e media da noite está programada unha queimada popular a cargo de Nando Llon e, para as once, un fin de festa cunha foliada.
O presidente de Altofalante, David Casais, destacou que esta será a primeira vez que a asociación colabora na organización deste magosto, que chega á súa segunda edición.
Precisou que coa xornada «buscamos crear un punto de encontro para a veciñanza no que poidamos compartir, celebrar e poñer en valor a nosa cultura, a nosa lingua e as nosas tradicións populares. É tamén unha maneira de fortalecer o tecido asociativo».