Un sector que despega arroupado polos lectores

BARBANZA

Na librería Ler da Pobra destacan a gran acollida que teñen os bonos da Xunta e da Deputación para mercar libros
Na librería Ler da Pobra destacan a gran acollida que teñen os bonos da Xunta e da Deputación para mercar libros CARMELA QUEIJEIRO

A pandemia marcou un punto de inflexión para animar aos veciños da comarca a somerxerse na literatura 

09 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

chegada do coronavirus marcou un antes e un despois no mundo, e para moitos sectores tamén serviu para coller forzas e abrir unha nova etapa de crecemento. As librarías da comarca saíron beneficiadas da crise sanitaria, «e aquí desde hai máis ou menos tres anos se está movendo moi ben», recoñece Rafael García, de El Cisne, que entre os seus clientes ten lectores de todas as idades. Desde bebés a maiores que xa rozan o século de vida, todos teñen en común que lles gusta somerxerse nas múltiples historias e aventuras das distintas propostas que saen ao mercado, aínda que no local boirense a novela segue sendo a raíña.

Tamén na libraría Ler da Pobra houbo un importante incremento de clientes, aínda que neste local os lectores máis fieis «son os nenos», recoñece Cipriano Pose, que sinala que desde moi pequenos xa comezan a coller o hábito da lectura e a iso engádense máis tarde os libros que teñen que ler nas escolas. Non fallan tampouco os adultos fieis, que sempre mostran moito interese polas novidades que van chegando, e agora mesmo «xa temos moitas encargas dos gañadores do premio Planeta deste ano, sobre todo porque a finalista é galega e está tendo moito pulo».

Tamén hai algúns escritores locais «que destacan pola súa gran calidade narrativa» e que tamén teñen un bo número de seguidores entre os veciños da Pobra. Nadal e verán son as dúas épocas con maior número de vendas, porque a campaña dos libros de texto cada vez atrae a menos compradores ás librarías.

 Campaña escolar

Ao descenso da natalidade hai que engadir os bancos de préstamos que xestionan os centros educativos, e a iso únese que cada vez máis colexios deciden negociar directamente coas editoriais, causando un grave dano ás librarías, segundo recoñece Cipriano Pose.

Tamén a noiesa Inmaculada Blanco —que rexenta a libraría Blanco— apunta que o mercado dos libros de texto non é nada beneficioso para o seu negocio, posto que «hai moitos pais que xa mercan directamente os libros aos centros, deixan todo nas mans dos colexios». A aposta educativa da utilización das novas tecnoloxías e do libro dixital tamén supuxo un revés para as librarías, pero Blanco pensa que todo isto «vai dar unha volta e os nenos van regresar ao papel, porque senón, como van aprender?», reflexiona.

Á espera de que isto suceda, ela recoñece que non pode queixarse porque ten moitos clientes e bastante movemento. «Veñen moitos nenos desde pequenos e xa saben onde está o seu recuncho para buscar as súas coleccións, e senón hai o libro que queren, pídese», explica Inmaculada Blanco, que tamén destaca o importante tirón que teñen os veraneantes que acoden a Noia na época estival: «Os turistas len moito».

O mesmo opina María José Maneiro, que está detrás do mostrador da libraría Andrea de Porto do Son. Para o seu negocio, unha das épocas de máis movemento é durante os meses de verán porque o concello recibe a visita de moitas persoas. Outra tempada de moitas vendas é o Nadal. «Teño clientes de toda a vida que para Papá Noel sempre regalan libros, tanto para maridos como para fillos e nenos», sinala.

Os bonos da Xunta e da Deputación son o mellor revulsivo para mercar libros

Incentivar as vendas nos concellos foi o principal obxectivo das campañas que puxeron en marcha tanto a Deputación coruñesa coa iniciativa MercaNaVila, como a Xunta cos seus Bonos Comercio. As librarías da comarca foron dos negocios máis beneficiados por estas dúas iniciativas e así o explican os empresarios do sector.

Cipriano Pose recoñece que desde que se activaron estes descontos non pararon de traballar porque moitos non dubidaron en empregalos para comprar eses libros dos que tiñan gañas e mesmo para mercar xoguetes ou outros regalos de cara a campaña de Nadal. O pobrense destaca que como en Ribeira non se podía empregar o bono de MercaNaVila —porque a capital barbancesa supera os 20.000 habitantes—, moitos veciños dese concello desprazáronse ata a Pobra para poder gastalo no seu negocio.

Tamén Rafael García explicou que nas últimas semanas aumentaron moito as vendas pola posta en marcha destas dúas campañas «e a xente quere aproveitalas. Nótase movemento e moitos xa mercan as últimas novidades ou os regalos para as próximas festas». Apunta que «o ano é moi longo e hai que sobrevivir, e por iso son tan importantes para eles este tipo de iniciativas». «Sempre hai que loitar, loitar e seguir loitando», reivindica.

Incremento

Tamén Inmaculada Blanco notou a chegada de máis clientes á súa libraría durante as últimas semanas, e non ten ningunha dúbida de que foi grazas aos bonos da Deputación e da Xunta. No seu caso moitos decidiron adiantar as compras de cara ás próximas festas, «porque no Nadal sempre cae un libro na maioría das casas».

Onde non houbo tanta aceptación destes bonos descontos foi no negocio de María José Maneiro, en Porto do Son, onde apenas tres clientes aproveitaron para beneficiarse desta rebaixas.