Un dos autores do libro, Domingo Blanco, participou no acto ao que asistiu todo o alumnado
19 nov 2025 . Actualizado a las 21:24 h.O alumnado do IES Fontexería de Muros asistiu á presentación do libro O cancioneiro galego-portugués, editado pola Deputación da Coruña. Trátase dun recurso pedagóxico que busca difundir e transmitir o patrimonio musical ás novas xeracións, contando cunha proposta didáctica para o traballo nas aulas e unha sección web con diverso material audiovisual e musical. O acto contou coa presenza dun dos autores, o investigador Domingo Blanco. Tamén estiveron Santiago Veloso, presidente de Ponte... nas Ondas!, que colabora no lanzamento do volume, e Chus Abraldes, coordinadora do equipo de dinamización da lingua no instituto.
Santiago Veloso enmarcou a presentación dentro da celebración do ano das Letras Galegas dedicadas ás cantadeiras e á literatura oral. Engadiu que esta literatura oral é común coa de Portugal e chegou a outros países da lusofonía levada polas persoas portadoras, formando parte do patrimonio cultural deses países.
Pola súa banda, Domingo Blanco destacou que estas cantigas comúns teñen a súa orixe na literatura oral da Idade Media e que chegaron até nós pola transmisión oral, pois foron cantigas que non se recolleron por escrito até os séculos XVIII en Galicia e no XIX en Portugal. As afinidades nas súas letras e nas temáticas son aínda hoxe evidentes e nalgúns casos con variantes locais incorporadas aos textos. Para Domingo Blanco, esta literatura foi superando todos os filtros do tempo e as persoas portadoras mantivérona en contextos de festa, traballo ou de lecer.