Carmen de Castro Olveira asegura que a aviación esixe unha vida moi ordenada
29 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O solpor é unha delicia nas nosas costas, e non podía defraudar o día que me citei na praia das Furnas con Carmen de Castro, música e piloto de aviación. O mar batía empoderado contra a beira, como as dúas mulleres que ousamos retalo, sabendo da súa inmensidade. Carmen naceu hai 23 anos sobre un pentagrama que une o seu Cambados natal con Xuño, onde vén ensaiar. O seu obxectivo principal é ser boa persoa, facer ben o seu traballo, e que ninguén teña queixa dela.
?Como decidiches dedicarte á aviación?
—Era coma un soño, algo que te chama e pensas que nunca poderás facer porque vives nun lugar pequeno e nunha familia humilde. Mais, se tes un desexo forte debes perseguilo. Cando algo che gusta vas facelo sempre ben e vas ser feliz no traballo. Rematado o bacharelato consulteino con miña nai e informámonos onde podía estudar para piloto. Hai cursos só en academias privadas, estudos non regrados, e podía facelo en Madrid, pero escollín Barcelona. Sempre co apoio e financiamento de miña nai, traballei para conseguilo no menor tempo posible. Son estudos moi caros, só ao alcance duns poucos, mais miña nai fixo un enorme esforzo. Os estudos foron todos en inglés —teño o nivel C2 de inglés, e son tamén examinadora dese idioma para os aspirantes ao título—. Falo tamén francés, castelán e galego.
?Que tiveches que estudar?
—Son 14 disciplinas, e temos ata seis convocatorias: meteoroloxía aeronáutica, navegación aérea, comunicacións, lexislación, factores humanos, coñecementos xerais da aeronave etc. As materias prácticas céntranse na instrución en voo, que inclúe pilotaxe en diferentes condicións, simuladores e operacións con avións multi-motor.
?Cantos anos son os estudos?
—Non vai por anos, debes superar esas 14 materias. Eu estudaba arreo, sen tempo de lecer, nin para tomar un café, consciente do sacrificio económico que facía miña nai e co desexo de traballar canto antes. Isto, humildemente, levoume a acadar os 240 créditos, e o título, nun tempo récord de ano e medio, e co número un da miña promoción, cando a media está en catro anos.
?Ademais de levar a nave, que fai un piloto?
—O primeiro é facer unha inspección exterior do avión antes de cada voo. Cada parafuso ten que estar no seu sitio en perfectas condicións. Temos que estar preparadas para calquera continxencia, pois nós imos tamén no avión. Existe un código deontolóxico, mais o noso criterio, ante calquera imprevisto, está por riba de todo. E, xa na cabina, tanto comandante coma oficial, debo aclararche, temos a mesma titulación, a única diferenza é a experiencia, as horas de voo. Iso determina quen exerce de comandante e quen de oficial. Logo, o avión pode levalo calquera das dúas persoas, e a outra atende a radio. Todas e todos temos que facer cursos de actualización e exames cada seis meses.
?É un traballo difícil?
—Non é un traballo calquera, é unha profesión de responsabilidade, vocación e disposición permanente. A aviación esixe unha vida moi ordenada, sen bebidas nin festas. Controis médicos frecuentes, durmir moitas horas. Vida saudable.
?Dinos, hai hoxe moitas mulleres pilotos?
—As mulleres somos un 5% dos pilotos españois. Non hai nota de corte para entrar na academia, o límite é o económico. Logo hai as dúbidas de se terei traballo, de se será unha boa saída etc.
?Sentiches algún tipo de discriminación por ser muller?
—Eu non, pero temos un grupo todas as pilotos, entre as que está a primeira muller piloto en España, Bettina Kadner, de familia alemá, que tivo que soportar comentarios despectivos tipo: Bettina á cociña. Agora foi cambiando a cousa e, ademais da sororidade entre nós, non notamos diferenza cos compañeiros. Teño varias compañeiras que xa son comandantes, e xa empezan algunhas das súas fillas. Nalgunhas ocasións fomos dúas mulleres ao mando dun avión.
?Como te sentes na cabina do avión?
—Ademais de atender os sinais de radio, estou pendente da climatoloxía para escoller o rumbo. Observo as vistas sen contaminación lumínica, as estrelas todas, algo incríbel. Desfruto vendo as constelacións. Consérvanse os medios de navegación tradicionais, a radionavegación por VOR (Radiofaro Omnidireccional VHF), e outros máis modernos, que nos permiten determinar a nosa posición e voar por unhas rutas invisibles chamadas radiais. Fascíname o meu traballo, gozo cada momento. No avión esquezo todo o demais.
?Que avións pilotas?
—Empecei aos 20 anos en avións Citation yet e, durante un ano e medio, traballei en aviación executiva, e outros que se dedicaban a transporte de órganos para transplantes. Foi unha experiencia moi bonita. Iamos coller o médico ao hospital, levalo a buscar o órgano, e volver onde houbese que transplantalo. Agora son oficial dun avión de pasaxeiros, un Airbus 320. Voamos a París, Roma ou Oslo, entre outros moitos lugares de destino.
Conectada coa familia a través da música
Carmen de Castro Olveira naceu en Cambados no 2002, de pais músicos, pero a familia materna está en Xuño (Porto do Son), a onde volve sempre que pode. Estudou a primaria en Cambados, e fíxoo en Ontario (Canadá) o primeiro de Bacharelato, grazas a unha beca Amancio Ortega, cursando segundo no IES Ramón Cabanillas. Chegado o momento de decidir que estudar, podía elixir a carreira que quixera, mais a súa elección, apoiada pola nai, foi marchar a Barcelona para estudar aviación.
Toca o piano e o órgano, e canta, acompañada deste, en Cambados, cando ten ocasión. Na Banda de Música de Caamaño (que fundou e dirixiu seu bisavó e despois seu avó ata hai uns meses, que nos deixou) empezou co clarinete —inda que lle gustaba o saxofón—, que tamén tocaban o avó e a nai. A nai escolleu nunha tenda o clarinete que mellor soaba e adxudicoullo a Carmen, que sempre ten unha hora de estudo para a música. Tocou en público, por vez primeira, aos 9 anos, na Pobra, o mesmo día que oitenta anos antes se estreara seu avó, un venres de Dores.
Nas veas
A Carmen a música axúdalle a permanecer conectada coa familia. Os Olveira lévano nas veas, é o seu sinal de identidade. Se fai falla, Carmen pide algún día libre no traballo para vir tocar coa banda.
Carmen resalta o detalle de que os seus antepasados sempre estiveron rexistrados co oficio de músico (cando a maioría eran mariñeiros ou agricultores). Francisco Olveira Santos, seu avó, daba clases de solfexo e de todos os instrumentos da banda. A súa filla, María del Carmen Olveira González, fai agora o mesmo traballo.
Seu avó tamén viu a cara da emigración, pero embarcado como músico na banda que acompañaba a xente da clase económica. Ás veces, os de clase superior baixaban a escoitalos a eles. Carmen lembra seu avó como un home especial, de talento innato e bo talante. Nunca tiña unha palabra mala. Era un ser exemplar.
Voar era o que lle chamaba a Carmen desde nena e, sempre co apoio e financiamento de súa nai, que sabía da súa valía, loitou para conseguilo en menos de dous anos. Carmen é a mellor referencia para calquera mozo ou moza que teña interese en conseguir algo. Con esforzo case todo se pode acadar, por difícil que pareza.