A convivencia de asociacións de natureza distinta crea un ecosistema vivo
09 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O concello de Carreño (Asturias) algo que debería facer reflexionar aos municipios galegos: construíu en Candás un edificio multifuncional e transversal pensado expresamente para acoller a todas as asociacións culturais do termo municipal. Cada entidade dispón dun despacho propio e dun espazo de traballo, e entre elas atópase tamén a nosa Rede Internacional Horrea.
O inmoble compleméntase con cafetaría, restaurante, auditorio dotado de medios audiovisuais, sala de exposicións e servizos auxiliares. O resultado é un escaparate público do labor altruísta e xeneroso que desenvolvemos as entidades do terceiro sector, tantas veces invisibles e dispersas. A convivencia de asociacións de natureza distinta (patrimonio cultural, hórreos, música tradicional, toponimia ou de divulgación histórica) nun mesmo edificio crea un ecosistema vivo, dinámico e sorprendentemente fértil. O que antes eran iniciativas illadas, cada unha encerrada no seu propio local, convértese agora nun lugar de encontro habitual, nacendo proxectos compartidos e alianzas que non se producirían doutro modo, tormentas de ideas capaces de xerar actividades impensables nun tecido asociativo disperso e sen relación entre si.
Este modelo é unha referencia clara e debería inspirar aos concellos galegos, especialmente a aqueles que contan cun bo número de colectivos. Nalgúns casos, tamén ás comarcas formadas por concellos pequenos, que de xeito individual non poden asumir a creación dun centro tan completo, pero xuntos poderían artellar unha infraestrutura que multiplicaría o impacto cultural de todo o país.