Contan que naquela casa solitaria que hai aló enriba no monte, entre os piñeirais de Talló, hai xa moitos anos habitaba un matrimonio de labradores veciños da próxima aldea de Loxo de Abaixo. Din que unha tarde de outubro pasou por aquel remoto lugar un vagabundo e petou na porta da vivenda. Na casa estaban sós a muller e os seus dous fillos, neno e nena, aínda pequerrechos. A nai abriu a porta e preguntoulle ao descoñecido que quería. O esmoleiro, que tiña nos ollos a imaxe da carne cansada de sobrevivir, dixo: «Auga e un carolo de pan ou de broa». A campesiña, asustada e confusa, negoulle a esmola, botou pola porta e logo atrancouna. Ademais de repartir maldicións sobre aquel sitio, o mendigo colleu e arrincou a figura da Virxe co Neno Xesús no colo, que estaba na capeliña do cruceiro que se erguía no cruce do camiño para a casa. O mendicante meteuna no saco onde tamén levaba os poucos enseres que posuía.
Varios meses máis tarde daquel inesperado episodio, nun anoitecer de inverno, cando o labrego regresaba da taberna de Runs, aparecéuselle xunta do cruceiro o espectro do seu pai, que falecera non moi lonxe de alí ao caerlle enriba unha árbore cando participaba nunha tala nos bosques de Chans de Reis. E entón soltoulle: «Fillo! Tes que repoñer a imaxe da Virxe co Neno na capeliña do cruceiro, senón é posible que unha maldición cause unha traxedia na túa familia». O labrego entrou tan pálido na cociña da casa que a súa muller deixou de laborar para interrogalo: «Que che pasou, por que vés tan pálido coma a cera das candeas que alumean na cociña?». E o home relatoulle a visión que acababa de vivir.
Pola mañá cedo, cando se levantaba o día, comentoulle á súa dona a idea que se lle ocorrera de noite. E un pouco despois enfilou o camiño cara a Carboeiro, na parroquia de Cures, onde sabía que tiña a vivenda un canteiro de moita sona, mesmo fóra da comarca. Tamén lle explicou ao pedreiro o que lle acontecera e pediulle que labrara nun bloque de granito a figura para así esconxurar aquela abominación que pendía coma unha lousa sobre a súa casa e a súa familia.
Esculpida tal como solicitara o labrador, a escultura pasou a ocupar o espazo sagrado reservado na capeliña do cruceiro. O ánimo e a ledicia retornaron ao fogar dos labregos. Mais foi por pouco tempo. Axiña regresaron as sombras e a inquedanza aos seus días. Outra noite, o campesiño atopouse de novo co espectro do seu proxenitor e este anuncioulle que todas as noites tiña que vixiar para onde miraba a Virxe, pois esta movíase en función de por onde soprase o vento. E era unha acción decisiva, pois desa observación dependía a delicada saúde da súa nena. Se a imaxe miraba para o nordés, tería que coidar da filla, pois o vento frío podíaa matar.
Mais nun anoitecer no que o labrador tomou un grolo de máis na tasca de Carmucha a de Coroño, coincidindo cos días do Entroido, pasou por diante do cruceiro e non se acordou de observar a dirección para a que ollaba a Virxe. Entraron aquela noite folerpas de neve pola cheminea. Subiulle a febre á rapaciña e dous días máis tarde finou. Logo do enterro do anxo, o home enfurecido arrincou a escultura da capeliña e agochouna na monte. Días máis adiante, recolleu o gando e os enseres que había na casa e xunto coa muller e o fillo, marchou a vivir na aldea de A Jalea.
Naquel lugar de Talló aínda agora perviven as ruínas. Mais aló non vive ninguén, agás uns cantos paxaros, o musgo sobre o que a luz, filtrada polas árbores, cae sobre as pedras durmidas. Nunca nada máis se soubo da escultura da Virxe co Neno. A capeliña segue baldeira e non se queixa. Nada estraño é que entre as árbores que medraron dentro da construción aniñen as pegas, algúns melros entre as hedras que trepan polas paredes e mesmo que aló tomen o sol algunhas cobras e lagartos nas sufocantes tardes de verán, cando no aire arrecende a brea. Talvez algunha curuxa durma naquel remoto lugar de Talló.